Caldas instalará desfibriladores en instalacións públicas "sensibles"
Por Redacción
Catro novos desfibriladores externos vai a instalar o Concello de Caldas nos edificios municipais "máis sensibles" como o campo de fútbol, a Escola de Música e o Centro Comarcal para reducir o tempo de actuación no caso de producirse un episodio de parada cardíaca.
Os aparatos foron financiados por parte da Deputación de Pontevedra en base ás subvencións a entidades locais de poboación inferior a 20.000 habitantes para a súa adquisición.
Protección Civil encargarase de impartir formación sobre o manexo dos dispositivos e de xestionar a posta en funcionamento deste novo recurso para a protección dos veciños, pois conta con técnicos de emerxencias e instrutores en reanimación cardiorespiratoria.
O alcalde, Juan Manuel Rey, sinalou que en Caldas "queremos ser un concello referente en canto á atención precoz da parada cardiorrespiratoria", xa que considera que o tempo "é un factor determinantes nestes casos" para salvar vidas.
Será un equipo de tres membros de Protección Civil o que realicen a coordinación e posta en marcha dos dispositivos así como o seguimento da seguridade dos mesmos.
Con esta incorporación o Concello pasa a ter seis desfibriladores, porque Protección Civil dispoñía na actualidade doutros dous para reforzar a seguridade en operativos de risco.