Maica Larriba, sobre a recollida de alimentos da hostelería: "Se teñen autorización non haberá problema"
Por Manu Otero
A prohibición da recollida de alimentos programada polos hostaleiros de Pontevedra en favor do banco de alimentos de Monte Porreiro aínda colea. O colectivo, que asegura dispoñer de todos os permisos, a reprogramou para este sábado despois de que a primeira convocatoria resultase impedida ao carecer de permiso para abrir unha cafetería para depositar as doazóns.
"No que se refire a locais de restauracion, só poden estar abertos para servir comida a domicilio ou take away, para ningunha outra actividade", deixou claro este venres a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, quen puntualizou que hai unha semana "a Policía Nacional detectou que había unha actividade nunha cafetería que non tiña autoirzacion para realizala".
Para esta nova convocatoria asegura que "se mañá a teñen, non haberá ningún problema". Con todo, mantén que a Subdelegación do Goberno "non ten ningunha competencia" neste aspecto e empraza os organizadores a solicitar autorización á autoridade competente que é a Consellería de Sanidade.
Larriba deféndese tamén das críticas do sector ao dicir que "eu non dei ordes para autorizar nin prohibir a recollida. Quen me coñece sabe que nunca me caractericei por poñer obstáculos para que a xente que ten necesidades as poida ver cubertas" e responsabiliza aos organizadores de non planificar ben a súa actividade. "A organización non deu os pasos que tiña que dar e non pediu os permisos que tiña que pedir e logo responsabilizan á Subdelegación", conclúe.
Mentres tanto, desde o sector da hostalería continúan coa súa folla de roteiro para visibilizar os problemas que están a atravesar estes negocios. Como cada venres, os hostaleiros saíron ás portas dos seus locais para golpear os seus cacerolas durante dez minutos en sinal de protesta contra o peche decretado pola Xunta e para lembrar que eles non son os culpables da segunda onda da covid-19.
O vindeiro luns teñen convocada unha vistosa concentración fronte á sede da Subdelegación do Goberno para reclamar medidas que eviten a ruína do sector e de todas as empresas e familias que dependen da hostalería.
Relacionadas:
-
A recollida solidaria dos hostaleiros supera a tonelada de alimentos
Por Redacción |
-
Pontevedra entrégase coa recollida solidaria de alimentos promovida pola hostalería
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Impiden a recollida solidaria de alimentos dos hostaleiros por falta de permiso
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Os hosteleiros doan a comida que non poderán vender polo peche ao banco de alimentos de Monte Porreiro
Por Manu Otero & Mónica Patxot |