O PP propón á Deputación que poña en marcha unha plataforma de venta online para o pequeno comercio
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O grupo provincial do Partido Popular pedirá este venres no pleno que a Deputación de Pontevedra poña en marcha unha plataforma de venta online para o pequeno comercio da provincia, sen comisións, e que sirva de instrumento dinamizador. Ademais, propón tamén que se desenvolva a loxística que se encargue da distribución da mercancía que se venda.
A deputada popular Pepa Pardo sinala que "a Deputación debe liderar un proxecto para dinamizar o comercio local e permitir que acceda ao mercado online".
Os populares propoñen unha "plataforma provincial única" desde a que os pequenos empresarios poderían ofrecer os seus produtos e tramitar as súas ventas, de forma sinxela e á que poidan incorporarse de xeito gratuíto.
"Permitirá modernizar o tecido produtivo da provincia, potenciando o seu desembarco en internet e abrindo novas oportunidades de negocio", explicou Pardo que cre que as campañas de promoción de consumo no comercio local "son necesarias pero insuficientes".
O PP sinala que a situación actual está cambiando hábitos cara a compra online e, por iso, "o comercio de proximidade non pode quedar fóra" e todas as administracións, engade "deben colaborar para axudar aos autónomos desta provincia a competir non só contra un descenso do consumo e as medidas de prevención, senón tamén contra as grandes distribuidoras e plataformas de venta por internet".
REUNIÓN CON ASOCIACIÓNS DE EMPRESARIOS
Tamén no pleno deste venres debaterase outra das propostas do PP para crear un plan de axudas a autónomos e pemes nos concellos de menos de 50 mil habitantes, dotado con 10 millóns de euros.
Este luns pola tarde os deputados populares Pepa Pardo e Alfonso Marnotes presentaron e explicaron a súa proposta a representantes das diferentes asociacións empresariais provinciais, e defenderon a importancia de que a Deputación de Pontevedra tamén se sume á Xunta de Galicia en dotar de axudas directas ás pemes e aos autónomos desta provincia.
Relacionadas:
-
División no pleno da Deputación polas axudas aos sectores estratéxicos máis afectados pola pandemia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Xunta estima en máis de 5,8 millóns de euros as axudas que percibirán os 900 hostaleiros de Pontevedra, Marín e Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Decembro, mes de campañas de apoio ao turismo, comercio e produto local na Deputación
Por Redacción |