Poio mellorará a busca de emprego a través da súa web
Por Redacción
A Concellería de Promoción Económica de Poio comezará nos vindeiros días o proceso de renovación da Bolsa de Emprego Privada que ten a disposición dos cidadáns.
O concelleiro Gregorio Agís explica que "o que pretendemos é actualizar as candidaturas das persoas que forman parte desta bolsa, ao mesmo tempo que apostamos por dar opción á entrada de máis candidatos e candidatas". Deste xeito, tamén se facilitará o emparellamento dos demandantes coas ofertas de emprego que poidan ir entrando a través das empresas locais do municipio.
O edil socialista avanza que "temos previsto facilitar o acceso cunha nova ficha de inscrición, que contará cun formato moito máis operativo". Este documento porase á disposición da cidadanía na Sede Electrónica do Concello.
O concelleiro de Promoción Económica salienta a importancia da mellora desta ferramenta para "garantir unha maior calidade do servizo ofertado, tanto aos demandantes de emprego como ao tecido empresarial de Poio, favorecendo, deste xeito, o desenvolvemento da economía local, algo que se fai especialmente imprescindible nos tempos actuais".
Aquelas persoas que non dispoñan dun currículo actualizado, que é un dos requisitos solicitados para poder formar parte desta Bolsa de Emprego Privado, terán a oportunidade de asesorarse no Servizo de Orientación laboral, situado no Centro de Formación da Reiboa, na Seca. O Concello de Poio informa de que, desde a posta en marcha deste departamento no ano 2017, realizouse unha media anual de preto de 500 atencións individualizadas.