O Concello de Cuntis arranxará os aseos do Centro Sociocultural e Xuvenil Patelas
Por Redacción
O Concello de Cuntis vai reformar os aseos do Centro Sociocultural e Xuvenil Patelas co obxecto de mellorar as súas condicións para o uso por parte do público e evitar un maior deterioro da instalación.
O proxecto conta cunha subvención de 9.471 euros procedentes da Xunta ao abeiro da orde de axudas para o equipamento e mellora de locais utilizados para a realización de actividades socioculturais.
Esta contía verase incrementada con fondos municipais ata cubrir os 19.892 euros do orzamento total que alcanza a intervención.
A reforma dos aseos consiste na substitución da tabiquería existente, dos aparatos sanitarios e na mellora da iluminación e dos acabados. Deste xeito, prevese a retirada da tabiquería existente e das portas, así como dos aparatos sanitarios, do mobiliario auxiliar e das luminarias; ademais da demolición do falso teito e do solo de madeira.
Posteriormente instalaranse novas particións interiores con paneis HPL laminados de alta presión, tipo TRESPA, para a división entre cabinas e para as portas de acceso.
O proxecto técnico elaborado por Nerka Proyects contempla o acabado do solo mediante aplicación de dúas mans de pintura epoxi para interiores, o remate dos paramentos verticais mediante aplicación de dúas mans de pintura plástica e a modificación do sistema eléctrico coa instalación de sensores de presenza para o prendido das luminarias no interior dos aseos e individualizada a cada cabina.
Tamén se subministrarán novas luminarias tanto en cabinas como na zona común de aseo. Doutra banda revisarase toda a instalación de fontanería e substituiranse e instalaranse novos aparatos sanitarios, grifería, mobiliario auxiliar e accesorios.
A concelleira de Cultura, Conchi Campos, destacou a importancia da actuación "debido ao elevado uso que ten o centro Patelas por parte da veciñanza".
"Con este proxecto damos resposta ás demandas dos usuarios ao tempo que melloramos as condicións de uso deste edificio sociocultural de referencia en Cuntis", explicou.