Continúa a instalación de fibra óptica despois de rematar en Tenorio e Viascón
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, manifestou a súa satisfacción pola finalización da primeira fase da instalación da rede de fibra óptica, que permitirá contar con acceso ultrarrápido a Internet, nas parroquias de Tenorio e Viascón e pola continuidade da instalación do servizo, por parte de Movistar, nos lugares de A Longa, Barbeitos, Vila de Abaixo e Vila de Arriba.
Trátase dos primeiros pasos para dotar a todo o municipio deste servizo no horizonte do ano 2022, segundo a información facilitada pola Xunta de Galicia ao abeiro do Programa Pebang para a implantación destas redes que se está levando a cabo no municipio de Cerdedo-Cotobade.
Estas obras de despregamento de redes de banda larga de acceso ultrarrápido a Internet estanse realizando grazas ao financiamento de fondos europeos e realizaranse nos vindeiros meses nas parroquias de Carballedo, Cerdedo –nestas dúas haberá centros de control e extensión da fibra–, Aguasantas, Borela, Castro, Figueroa, Quireza, Rebordelo, San Xurxo, Santa María, Tomonde e Pedre ata chegar a 1.157 vivendas e a decenas de negocios e empresas das mesmas.
Posteriormente, e grazas ás xestións emprendidas polo goberno local, completarase toda esta infraestrutura ao ano seguinte.
Tras a súa posta en marcha, as industrias, comercios e vivendas dos emprazamentos beneficiarios poderán acceder a Internet a unha velocidade de alomenos 100 megas, o que axilizará dende as súas cuestións profesionais ata o seu uso a nivel de usuario e suporá tamén importantes beneficios para súa dinamización económica, acceso a televisión, execución de videochamadas e seguridade na transmisión e gardado de datos.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, explicou que a "dotación de fibra óptica é xa unha obriga á que temos que aspirar si non queremos perder o tren do progreso que circula da man das autoestradas da información e polos sistemas de alta velocidade de internet. Máis agora cando por mor das restricións pola pandemia da Covid-19 vese que é imprescindible contar con este tipo de infraestruturas non so para ser máis competitivos, que tamén, senón incluso para ter este servizo nas nosas propias casas".
Por outra banda, o alcalde recordou que o despregamento por zonas é algo alleo ao Concello e que vén determinado polas autoridades tecnolóxicas tratando de ser o máis eficientes e áxiles para rematar canto antes coa dotación deste servizo ao maior número posible de lugares do municipio.
Relacionadas:
-
Inician a instalación de fibra óptica en Carballedo e a zona alta de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Comeza a instalación de fibra óptica en diversos lugares de Cerdedo Cotobade
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade prepara un plan turístico estratéxico coa Carballeira e Baños de San Xusto
Por Redacción |