Pontevedra prepara unha cabalgata de Reis "deconstruída" polo centro urbano e as parroquias
Por Redacción
Os Reis Magos non quedarán sen visitar Pontevedra o vindeiro martes 5 de xaneiro, antes da súa noite máis especial do ano, aínda que o farán de maneira diferente á dos últimos anos debido á Covid-19.
Por ese motivo, tras negociar coas súas Maxestades e para garantir a súa seguridade e a de todos os pequenos e pequenas, non ofrecerá a tradicional recepción no Pazo Mugartegui nin se fará a cabalgata tal e como estamos afeitos, senón cunha versión "deconstruída", explican desde a concellería de Festas que dirixe Carme da Silva.
Desta forma, para que todas as nenas e nenos do municipio poidan ver os Reis organizouse unha comitiva que percorrerá o centro urbano e tamén as parroquias.
A comitiva real circulará a pouca velocidade pero non se parará nin repartirá caramelos como na tradicional cabalgata urbana, xa que non o permiten as autoridades sanitarias.
En lugar diso Melchor, Gaspar e Baltasar, escoltados da Policía Local, percorrerán en coche desde as 11.00 horas as parroquias de Alba, Verducido, Santo André e Santa María de Xeve, Monte Porreiro, Bora, Campañó, Cerponzóns e Lérez. Pola tarde, a partir das 16.00 horas, estarán en Canicouva, Ponte Sampaio, Lourizán, Marcón, Mourente, Salcedo e Tomeza.
Pola súa banda no centro da cidade os Reis Magos percorrerán as rúas e barrios sentados nos seus tronos, desde as 11.00 ata as 21.00 horas, escoltados tamén pola Policía Local facendo soar as súas sirenas para advertir da presenza de tan altas autoridades, que a pesar das dificultades non se esquecerán este ano de Pontevedra.