Carmela Silva sobre a confrontación política: "rachemos con ese modelo de odio"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo "un chamamento tamén no noso país" para que "rachemos con ese modelo de odio, confrontación total e deslegitimar co uso da palabra as decisións que toma a cidadanía cando vota".
A raíz do violento asalto contra o Congreso de Estados Unidos vivido nas últimas horas, a presidenta da Deputación de Pontevedra quixo aproveitar a súa primeira comparecencia de prensa neste ano para posicionarse "en contra das actuacións antidemocráticas".
Carmela Silva sinalou que "onte romperon todos os principios dunha democracia".
"Todo comeza coas arengas verbais e despois termina en actuacións como estas que son incontrolables" dixo a mandataria provincial en relación ao histórico asalto ao Capitolio estadounidense por parte dunha turba de seguidores de Donald Trump.
A presidenta da Deputación dixo que este tipo de posicionamentos son "obrigados" por parte de "todas as persoas que nun momento determinado dedicámonos á xestión do público na política".