Un gromo de covid-19 en Medicina Interna de Montecelo afecta once sanitarios e seis pacientes
Situación complicada a que se está vivindo no Hospital Montecelo. Ao preocupante aumento das hospitalizacións por covid-19, súmase agora un gromo de grandes dimensións que se detectou no servizo de Medicina Interna.
Ata o momento confirmáronse 17 contaxios, segundo recoñeceu a xerencia da área sanitaria de Pontevedra, que activou o protocolo ante este gromo de covid-19.
En concreto, están afectados once profesionais sanitarios e seis pacientes que, segundo o Servizo Galego de Saúde, están baixo seguimento dos servizos de Medicina Preventiva e a unidade de prevención de riscos laborais.
Os pacientes que estaban ingresados en Medicina Interna e que deron positivo foron trasladados a outras áreas de hospitalización de Montecelo, onde se lles realiza un seguimento clínico constante para comprobar a súa evolución.
O resto dos contaxiados neste brote atópanse illados nos seus domicilios.
Parte da área de hospitalización de Medicina Interna continúa sen pacientes para continuar co proceso de limpeza e desinfección de habitacións, espazos comúns e áreas que utilizan os profesionais. Este traballo, segundo o Sergas, terminará en breve.
AUMENTO DE CONTAXIOS ENTRE PROFESIONAIS
Fontes consultadas por PontevedraViva alertaron do aumento de contaxios entre os profesionais detectados nos últimos días. Entre o xoves 21 de xaneiro e este luns 25 confirmáronse 32 positivos, dos que 29 son no Complexo Hospitalario de Pontevedra, dous no Hospital do Salnés e outro nun Punto de Atención Continuada (PAC).
Son 32 contaxios en tan só 72 horas que levan a confirmar que hai moita transmisión comunitaria da enfermidade.
Para facer fronte a este aumento de contaxios, desde Sanidade acordouse adoptar unha medida que os sindicatos pedían desde hai meses: todos os sanitarios con contacto directo con pacientes levarán máscaras FPP2, tanto se están en unidades covid coma se non.