Elixen a proposta de 'u+a arquitectura' para a rehabilitación da casa do concello
Por Redacción
Uña y Amandi Arquitectos é o estudio de arquitectura elixido para a rehabilitación da casa consistorial da Praza de España. De entre as cinco propostas coas que se contaban, este foi a que tivo mellor puntuación aínda que todas contaban cun "altísimo nivel arquitectónico" no referente á cualidade formal e artística, segundo se recolle na acta do xurado cualificador.
Desta proposta elixida, presentada polo estudo 'u+a arquitectura' formado por Gracia Amandi e Jorge de Uña, o xurado salientou "a coherencia no deseño cos usos previstos dos distintos espazos do edificio", ao tempo que "desenvolve o programa cun respecto exquisito á preexistencia do edificio e aos seus valores históricos".
Pola súa banda, no relativo ás necesidades de inclusividade e accesibilidade, un dos principais desafíos da rehabilitación, o xurado indica que "a totalidade das propostas presentadas inclúen as medidas necesarias para a implantación da accesibildiade universal do edificio".
Unha vez coñecida a proposta gañadora, e ao longo das vindeiras semanas, a concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías fará públicas as principais características e solucións que achega sobre o programa de necesidades proposto.
Así mesmo, dende o goberno local lembran que as necesidades que se plantexaban de inicio estaban relacionadas coa accesibilidade do edificio e coa reorganización xeral dos espazos.
Así, as propostas debían contemplar dúas entradas (pola praza de España e pola rúa da Alhóndiga) e a rehabilitación da primeira planta para acoller o Salón de plenos, unha sala de comisións, unha sala de recepcións protocolarias, unha sala de usos polivalentes, un almacén e aseos. Na planta baixa seguirán operando as actuais oficinas de Servizos Técnicos precisa, e a planta do semisoto seguirá acollendo os arquivos municipais mentres non se adopte unha solución para o seu traslado, e no futuro será destinada a albergar dependencias de carácter sociocultural.
Relacionadas:
-
A rehabilitación da casa consistorial ascenderá finalmente a 1,36 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
A casa do concello recuperará a súa entrada orixinal pola Rúa Alhóndiga
Por Alejandro Espiño |
-
A casa do concello da Praza de España recuperará a súa función institucional
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |