Denuncian unha 'negacionista' por falsificar un certificado médico que a eximía da máscara
Por Redacción
Unha moza deberá responder no xulgado de Marín por un presunto delito de falsidade documental. O motivo? Levar un certificado médico falso que lle eximía de levar posta a máscara, obrigatoria para todos os cidadáns pola pandemia da covid-19.
Os feitos remóntanse ao pasado 5 de febreiro cando unha patrulla da Policía Local de Marín sorprendeu a unha moza camiñando en compañía doutra persoa. Non levaba posta a máscara, segundo relatan desde este corpo policial.
A moza asegurou aos axentes que non podía levala porque tiña unha enfermidade respiratoria. Portaba unha prescrición médica selada e asinada por un médico colexiado.
A sorpresa chegou cando, tras comprobar a documentación, a Policía Local comprobou que a firma e o número deste facultativo pertencen a un médico dos popularmente chamados 'negacionistas' e que o certificado non era oficial.
Ademais nos dous últimos parágrafos, o presunto certificado trata de coaccionar aos axentes que paren ás persoas que os levan, acusándolles da comisión de dous supostos delitos.
Os policías puideron averiguar que o documento que portaba esta moza descárgase libremente da internet, sen pasar por ningún exame médico.
Ante estes feitos, foi denunciada perante o xulgado de instrución de Marín como autora un delito de falsidade documental e dun delito de coaccións contra os axentes.
Relacionadas:
-
Tres novas vítimas sitúan en 138 o número de pacientes falecidos por covid na área sanitaria
Por Redacción |
-
A Escola Naval adopta "medidas disciplinarias" cos alumnos sorprendidos en dous botellóns
Por Oskar Viéitez |
-
Desbaratan tres festas en Marín durante a fin de semana, unha delas con 16 persoas sen máscara
Por Redacción |
-
Familia de Mallorca, detectada de vacacións no Morrazo aproveitando que un membro viña facer un curso
Por Anxo Lourido |