Pontevedra desactiva o protocolo do frío, que atendeu a 12 persoas en 43 ocasións durante os seus 73 de vixencia
Por Redacción
O Concello de Pontevedra desactiva o protocolo do frío. Dada a mellora nas condicións meteorolóxicas, o departamento de Benestar Social deu por finalizado un programa que estivo activo 73 días e que serviu para atender a aquelas persoas que non dispoñían de espazo para pasar a noite nalgún dos albergues existentes na cidade puidésese aloxar nun dos hostais cos que o Concello ten convenio de colaboración.
"Durante o período no que permaneceu activo o protocolo do frío un total de 12 persoas usaron as camas do hostal en 43 ocasións. As persoas sen teito dispoñen en Pontevedra de dous albergues que suman 32 prazas e que, nunha situación normal, permiten cubrir sobradamente a demanda de pernoctación que hai na cidade. As restricións sanitarias motivadas pola pandemia obrigaron a limitar un 50% o aforo dos albergues, polo que a oferta se reduciu a 16 prazas. En base ao protocolo, o Concello foi informando ás persoas que durmen na rúa da posibilidade de pasar a noite nun dos albergues e, no caso de que non dispuxeran de máis espazo, aloxalos no hostal colaborador”, explicou o concelleiro socialista, Marcos Rey.
Durante a fase de activación do plan, as 16 prazas dos albergues cubríronse case todos os días. Con todo, o exceso de demanda de cando en cando excedía as tres persoas, o que indica que en condicións normais os dous albergues da cidade son suficientes para garantir que a ninguén lle falte unha cama.
Puntualizan desde a concellería, que o goberno local "non pode obrigar a ninguén" a desprazarse a un destes albergues. Por iso a súa acción limítase exclusivamente en informar da oferta de camas.
O proxecto conta coa colaboración de Cruz Vermella, que ofrece comida e bebidas quentes así como mantas e sacos de durmir ás persoas que permanecen na rúa.