O PP de Poio contradí ao goberno local e fala de "pésima xestión económica" no Concello
Por Redacción
O Partido Popular de Poio saíu ao paso da afirmación realizada polo goberno local tripartito ao presumir de boa saúde financeira. O representante popular Sergio Pereira afirma que o concelleiro responsable de Facenda, Xulio Barreiro, non pode afirmar esa boa saúde cando está previsto que o Concello de Poio pida un préstamo de 565.000 euros para sufragar o capítulo de investimentos e cando, segundo os populares, deben case seis millóns de euros a entidades bancarias.
Desde o PP afirman que os representantes gobernamentais están a dar voltas aos datos para defender a súa pésima xestión económica e piden respostas ante os veciños para explicar que se deben 5.858.338 euros aos bancos nun orzamento municipal que ascende a 13 millóns de euros.
Afirman desde o partido da oposición que durante 2020 bateuse o récord de recadación de impostos e para este ano está previsto superalo. Por este motivo cren que non é serio que Xulio Barreiro "saque peito" dun remanente de tesourería que xa está hipotecado e que inclúe partidas de "dubidosa cobranza" que diminúen o remanente e que non reflicte a imaxe fiel das contas públicas, sinala Pereira facendo referencia ao Servizo de Intervención.