O Consello da Xunta prorroga durante un ano a xestión da depuradora dos Praceres
Por Oskar Viéitez
O Consello da Xunta aprobou este xoves o investimento de máis de 3 millóns de euros para a explotación da estación depuradora de augas residuais dos Praceres, por parte da Xunta.
Coa autorización de hoxe, a Xunta prorroga durante o vindeiro ano a xestión e explotación desta infraestrutura hidráulica que dá servizo aos concellos de Pontevedra, Marín e Poio.
O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, presta o servizo de depuración da rede conectada a esta depuradora desde o 2007 mediante dous contratos, un para a explotación das instalacións orixinais e outro para a explotación da ampliación executada en 2005.
Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello de Pontevedra é o único de todas as grandes cidades galegas que non asume a explotación da súa depuradora. A Xunta fíxose cargo en 2007 da xestión da planta, o que supón uns custos de explotación acumulados de 38 millóns de euros.
A Xunta está a mobilizar actualmente un investimento de máis de 30 millóns de euros nas obras de mellora da depuradora dos Praceres e no impulso da construción do novo emisario submarino, de 3,6 km de lonxitude, que permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría.
Ademais, a Xunta ten identificado 10 novas actuacións para avanzar no saneamento da ría de Pontevedra nas que investirá 15 millóns de euros, para mellorar a rede de saneamento e axudar aos concellos nun mellor desenvolvemento das súas competencias. Os concellos deben colaborar para facilitar a execución de todas as actuacións necesarias e contribuír de xeito conxunto á mellora do marisqueo, da acuicultura, da pesca, do turismo e da calidade de vida dos veciños desta área.
Relacionadas:
-
A depuradora dos Praceres, en servizo en setembro despois das obras de mellora
Por Redacción |
-
O novo emisario submarino da depuradora de Praceres estará listo en 12 meses
Por Manu Otero |
-
Ethel Vázquez solicita ao Ministerio que simplifique os trámites para autorizar o novo emisario submarino
Por Oskar Viéitez |
-
Denuncian a presenza dunha vertedura á ría en Praceres
Por Redacción |
-
Estriceres denuncia as molestias que soporta o vecindario polas obras da depuradora
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O plan de saneamento da ría está "cheo de erros", segundo o Concello, e recolle como prioritarias obras xa executadas
Por Alejandro Espiño |