Investirán 430.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética do albergue de peregrinos
Por Cristina Saiz
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este sábado o albergue Virxe Peregrina na cidade de Pontevedra, onde avanzou que o goberno galego destinará preto de 430.000 euros a diversas actuacións de eficiencia enerxética.
Alfonso Rueda estivo acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López; do presidente da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (FEGAC), Manuel López; e do presidente da Asociación Amigos do Camiño Portugués a Santiago, Tino Lores.
O proxecto está destinado a acondicionar, renovar e modernizar as instalacións deste albergue para presentar unha oferta de calidade e de sustentatibilidade e ter todo preparado para cando a situación sanitaria permita recibir aos peregrinos.
O titular da Vicepresidencia Primeira fixo especial fincapé en que a Xunta leva tempo traballando para aproveitar ao máximo esta oportunidade histórica de ter un Xacobeo que se estende ata 2022.
Dende acondicionar as instalacións, ampliar a rede de albergues públicos, mellorar os contornos e, sobre todo e coa chegada da crise sanitaria, en ser un destino seguro.
Co obxectivo de reforzar o concepto de Galicia como destino seguro, a Xunta porá en marcha o seguro covid-19, que cubrirá os custos sanitarios, de transporte e aloxamento ante casos de contaxio de viaxeiros e os seus acompañantes que teñan que facer corentenas.
Trátase dunha medida pioneira, que conta cun investimento de 1,4 millóns de euros para recuperar a confianza e ofrecer un plus de seguridade aos viaxeiros.
O goberno galego adxudicará en breve o servizo á empresa que ofreza as mellores condicións entre as cinco que optan ao concurso.
O seguro coronavirus enmárcase no plan de choque do sector turístico da Xunta, dotado con 37,5 millóns de euros.
Neste plan tamén se inclúen a renovación dos programas Bono Turístico por 6 millóns de euros e Elixe Galicia por 1,3 millóns, así como 3,6 millóns de euros en axudas directas ás axencias de viaxes e ao sector da turoperación.
Galicia conta con máis de 3.600 prazas na rede pública de albergues que se distribúen ao longo de 1.500 quilómetros polos que discorren as rutas do Camiño de Santiago e que dispoñen de todos os protocolos ante a covid-19.
Ademais, a Xunta habilitou unha liña de axudas para adquirir material de protección para os establecementos turísticos, na que se incluíu tamén aos albergues privados.
En definitiva, Alfonso Rueda sinalou que se estableceu "un apoio integral para ter un camiño seguro que se ten que manter sempre neste gran Xacobeo que nos espera".
Deste xeito, instou por "consolidar unha oferta turística de calidade que sexa a marca de referencia e diferenciación do modelo turístico galego" e confía en que esta aposta pola calidade contribúa a "recuperar a confianza dos turistas neste ano e dar osíxeno ao turismo, que foi un dos sectores que máis sufriu o impacto económico da covid-19".
Entre as actuacións que se van levar a cabo no albergue destacan melloras na cuberta, no peche exterior da edificación ou a instalación dun novo pavimento, así como a substitución das carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica.
Tamén se incorporarán vidros de control solar naquelas fachadas con maior exposición ó sol, instalarase un sistema de calefacción a base de chan radiante por electricidade e un recuperador de calor de alta eficiencia para unha ventilación adecuada.
Relacionadas:
-
O albergue Virxe Peregrina avanza nas súas obras de modernización e mellora
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Once empresas aspiran a reformar o albergue de peregrinos de Pontevedra
Por Redacción |
-
Albergues abertos pero sen peregrinos
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Medio Ambiente mellora a xestión de residuos en catro municipios do Salnés
Por Redacción |
-
A Deputación participa no proxecto europeo Greentour
Por Redacción |
-
Reforzo da seguridade e mellora das infraestruturas para un Xacobeo 2021 con todas as garantías
Por Redacción |
-
O albergue de Briallos, en Portas, recibe o distintivo Q de calidade
Por Redacción |
-
O PP pide partidas específicas para o Ano Xacobeo nos Orzamentos Xerais do Estado
Por Oskar Viéitez |
-
Marconsa construirá o albergue de peregrinos de Carril
Por Redacción |
-
O conselleiro de Cultura recibirá a insignia de ouro dos Amigos do Camiño Portugués
Por Redacción |