Case trece anos de cárcere para un pontevedrés que maltratou e violou a súa parella, coa que estivo casado 40 anos
Por Redacción
Un pontevedrés foi condenado pola Audiencia de Pontevedra a doce anos e once meses de prisión por maltratar de forma habitual á súa muller, coa que estivo casado corentena anos e á que ademais de ameazala chegou a violala.
A sentenza considera a este home culpable dos delitos de malos tratos habituais, ameazas, e lesións, así como de dúas agresións sexuais, unha delas en grao de tentativa.
Os maxistrados da sección cuarta da Audiencia relatan na súa sentenza que os malos tratos se produciron ao longo de toda a súa convivencia, aínda que se intensificaron desde 2016 e ata que a parella divorciouse tres anos despois.
Así, coa intención de menosprezar á súa muller, dirixíase a ela continuamente con insultos e, con ánimo de amedrentala, dicíalle "voute rebentar a cabeza, inútil, voute matar", á vez que daba golpes ás portas e paredes. Ademais, pegáballe ou a empuxaba.
Durante a convivencia, segundo consideran acreditado os xuíces, realizáballe "esixencias sexuais", a pesar da negativa da vítima e o home tiña un "comportamento agresivo e controlador".
Nun destes episodios, o acusado levou a rastro á vítima desde a habitación do seu neto, onde durmía a muller, ata a súa para violala.
Tras a súa saída de prisión, segundo consta na sentenza, o home pasará outros nove anos en liberdade vixiada e non poderá achegarse á súa ex parella nin comunicarse con ela durante quince anos.
Relacionadas:
-
O TSXG ratifica a condena de case 13 anos de cárcere a un pontevedrés que maltratou e violou a súa muller
Por Oskar Viéitez |
-
O pontevedrés acusado de violar e agredir á súa esposa nega os feitos
Por Oskar Viéitez |
-
Un pontevedrés, a xuízo acusado de maltratar a súa parella durante 40 anos de matrimonio
Por Redacción |