O PSOE de Marín reclama que se aproveite a obra no colector do río Lameira para ampliar a senda fluvial
Por Redacción
A Corporación municipal de Marín aprobou no último pleno o convenio entre o Concello e Augas de Galicia que permitirá retirar o colector xeral que transcorre polo leito do río Lameira. Esta obra servirá para mellorar a calidade do río e reducir a entrada de auga no colector que despois vai ata a depuradora dos Praceres.
Para executar esta obra vai realizar un proceso de expropiación forzosa dos terreos necesarios onde se situará o novo colector, un proceso administrativo e técnico laborioso e complexo que permitirá ao Concello de Marín facerse coa propiedade destes terreos.
O grupo municipal Socialista propón aproveitar esa expropiación forzosa para adquirir tamén os terreos necesarios que posibiliten posteriormente ampliar o paseo fluvial en 800 metros desde O Sequelo ata Coirados, e tamén outros 270 metros desde o centro de saúde ata Ponte Zapal.
Así mesmo solicitan que se inicien tamén os trámites urbanísticos para a regularización e eliminación das posibles construcións ilegais efectuadas ata a mesma beira do río e que tanto degradan a contorna fluvial.
O PSOE de Marín cre que é "unha oportunidade que non podemos deixar pasar" e que servirá para triplicar a lonxitude do paseo polo Lameira dos 600 metros actuais ata preto de 1,7 quilómetros, "e permitir unha maior conexión do paseo co caso urbano e un maior goce do mesmo por parte dos veciños de Marín".