Portas renova parte do seu alumeado público para aforrar un 70% do consumo enerxético
Por Redacción
A renovación de 419 puntos de luz en Portas estase levando a cabo nestes días. É, aproximadamente, un de cada catro do municipio, onde hai 1.864 luminarias, segundo os datos do propio goberno municipal.
Para esta obra, o Concello invertiu 168.553 euros e substituirá as actuais luminarias por outras LED máis ecolóxicas e de menor consumo, reemprazará 14 cadros de mando, 29 columnas, 3.000 metros de cableado e instalará un novo sistema de telexestión.
Esta actuación sufragarase grazas a unha subvención concedida polo Ministerio de Transición Ecolóxica, o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía e os fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Está enmarcada no acordo dentro do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostibles (PACES), polo que o Concello de Portas se comprometeu, desde o punto de vista medioambiental, a ir planificando iniciativas sostibles no tempo para lograr unha redución do 40% do consumo enerxético e de emisións contaminantes para o ano 2030.
En concreto, substituiranse as actuais luminarias provistas de lámpadas de vapor de sodio de alta presión e haloxenuro metálico por outras LED máis eficientes e actuando en 14 dos 98 cadros de mando dos que posúe o municipio.
A intervención permite tamén substituír 14 deses cadros de mando existentes e a súa adaptación á normativa vixente para diminuir a potencia de consumo de 59,96 kW a 22,65 kW cun aforro enerxético total estimado do 70%.
Segundo o alcalde, Ricardo Martínez, esta actuación permitirá uns aforros estimados duns 172.000 kWh/ano, reduciranse as emisións de CO2 nunha cantidade de 89.55 tCO2 eq/ano e o Concello reducirá a súa factura en materia enerxética nuns 23.204 euros anuais aproximados "que tamén son de agradecer".