O Concello derruba a estrutura danada do centro sociocultural de Vilalonga
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo ordenou a derriba da estrutura do edificio que se ía a destinar a centro sociocultural de Vilalonga, liberando desta forma a zona do Revel dun claro exemplo de feísmo urbanístico.
Os danos detectados na estrutura e na cimentación fixeron imposible que o goberno retomase o proxecto en 2019.
Unha decisión avalada por informes técnicos e un sobrecusto de case 1,4 millóns de euros que supoñería emendar os problemas estruturais tras máis de 11 anos de abandono. A pesar destas dificultades, o goberno continúa cos seus plans para dotar aos veciños dun novo edificio sociocultural e mantén na súa folla de roteiro un espazo social de convivencia.
As tarefas de demolición iniciáronse este luns e o martes estaban xa practicamente concluídas, á espera da derriba dunha parede e da retirada de entullo. Deste xeito, a zona estará xa completamente libre para cando comecen os traballos de urbanización.
A empresa Covsa, cunha oferta económica de 1.241.968 euros, será a encargada de executar o proxecto e realizará todas as melloras recollidas no prego e que ten que ver coa iluminación e a xardinería da zona verde.
O proxecto de urbanización contempla catro viarios, con dous carrís de 3 metros, unha rotonda, que axudará a achegar fluidez ao tráfico e a dotación de 84 prazas de estacionamento. As beirarrúas previstas terán unha anchura mínima de 2 metros e unha máxima de 4,5 metros. A obra contempla a mellora do saneamento, abastecemento e subministración de enerxía eléctrica, incluídas as instalacións de condución, transformación, distribución e iluminación público, así como as infraestruturas telefónicas e de telecomunicacións.
O proxecto conta cun apartado propio para o tratamento dos espazos libres e para a protección dun pequeno regacho, a flora e fauna existente na contorna.
Relacionadas:
-
Vilalonga gañará mil metros para a súa praza central e mellorará os espazos
Por Redacción |
-
Sanxenxo rexeita 'parchear' o centro social do Revel e construirá un novo
Por Redacción |
-
Os veciños de Vilalonga coñecen os proxectos para a parroquia
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo espera adxudicar as obras do novo centro sociocultural de Vilalonga antes de final de ano
Por Redacción |