Vilagarcía creará un miradoiro no Xiabre con vistas ás zonas marisqueiras de Carril e Bamio
Por Redacción
Potenciar o turismo natural e mariñeiro. Ese é o obxectivo da actuación que impulsa o Concello de Vilagarcía de Arousa. Trátase da creación no Monte Xiabre dun miradoiro que permita contemplar desde a distancia e en conxunto as zonas marisqueiras de Carril e Bamio.
Desde este punto tamén se poderá ver o inicio da ría de Arousa coas explotacións bateeiras e o núcleos poboacionais de estrutura típica mariñeira, como é o de Carril.
A execución deste proxecto suporá un investimento de 48.000 euros que o goberno municipal quere financiar a través do GALP da Ría de Arousa.
A instalación emprazaríase no punto da cruz de Xiabre. A proposta é totalmente respectuosa coa contorna natural na que se emprazaría e non precisaría grandes intervencións, xa que se consiste na montaxe dunha plataforma circular para permitir o goce dunha panorámica de 360 graos e que contaría cunha superficie de 72 metros cadrados.
Ademais da instalación da plataforma, o proxecto incluiría o acondicionamento do acceso dende o camiño ata o miradoiro.
Este balcón á ría enlazaría con outros proxectos turísticos que está promovendo o goberno municipal, como unha ruta marisqueira en Carril. O punto final sería a visita a este miradoiro para ofrecer unha visión panorámica de toda esta zona.
O miradoiro tería encaixe tamén noutras modalidades de turismo. De feito, conectaríase cos roteiros de sendeirismo e dos petróglifos de Xiabre e permitirá visualizar o primeiro tramo da Ruta Marítimo Fluvial Xacobea do Mar de Arousa e Ulla e da Variante Espiritual do Salnés.
Para poder habilitar este miradoiro, o Concello asinará un contrato de aluguer dos terreos onde se instalaría o miradoiro, que pertencen á comunidade de montes de Guillán, polo prezo simbólico de 1 euro ao ano sen IVE.