Bueu programa tres rutas saudables para Semana Santa
Por Redacción
O Concello de Bueu porá en marcha unha serie de rutas de sendeirismo que se desenvolverán durante a Semana Santa e coas que se buscará ofrecer hábitos saudables para a cidadanía, ao tempo que se dá a coñecer o patrimonio cultural, natural e etnográfico da vila.
Esta actividade encádrase nos obxectivos do Goberno municipal de fomentar o turismo sostible e de natureza, cunha especial preocupación polas rutas de sendeirismo e as actividades respectuosas co medio ambiente e a contorna. O concelleiro de Deportes, Ricardo Verde, explica que "despois dun ano de pandemia, necesitamos máis ca nunca gozar dos espazos ao aire libre e da natureza".
As camiñadas programadas arrincan o 30 de marzo na chamada Ruta da Costa, con saída dende o porto de Beluso e na que se pasará por varias praias como A Roiba, a Aula da Natureza de Cabo Udra ou a Igrexa de Beluso.
O 1 de abril será a quenda do Monte Liboreiro, con saída dende a Praza do Concello, e na que se poderá coñecer o cruceiro do adro de San Martiño, as Mámoas de Castiñeiras, o Petróglifo da Avelairas e o Castro de Liboreiro.
A terceira e última ruta será o sábado 3 de abril con remate en Ermelo e saída dende a igrexa, pasando pola Esculca, Pouso das Cruces e Paralaia.
As persoas que desexen participar deberán enviar un correo electrónico a turismo@concellodebueu.gal, indicando nome e apelidos e un teléfono de contacto. Todas as camiñadas sairán ás 10 da mañá e durarán aproximadamente tres horas.