Dende este sábado xa estamos en primavera
Por Cristina Saiz
Este sábado 20 de marzo ás 10.37 horas deu comezo a primavera no hemisferio boreal e, polo tanto, o outono no hemisferio austral.
Dito instante coincide co paso do Sol polo punto Aries, un dos dous de corte da eclíptica co ecuador celeste. Por esa razón, este sábado o Sol saiu exactamente polo leste, producíndose o solpor xusto polo oeste. Teoricamente, neste día, a duración das horas de luz coincidirán coa duración da noite. Cando remate a estación que agora se inicia, o 21 de xuño ás 5.32 horas, teremos na nosa latitude unhas 15 horas de luz e nove de escuridade.
"De todos os xeitos, ao longo do ano sempre hai máis horas de claridade debido a dous fenómenos relacionados coa atmosfera, a refracción da luz e o crepúsculo", explica José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela.
Debido á primeira, os astros vense máis altos do que realmente están, en particular o Sol. "Por exemplo, cando vemos meterse o Sol polo horizonte na tardiña, realmente xa está por baixo do horizonte", afirma. No caso do crepúsculo, unha vez que xa tivo lugar o solpor, permanece durante un certo tempo a claridade debido a que o Sol continua iluminando a atmosfera.
Das catro estacións do ano, a primavera boreal é a segunda en duración (92,75 días), só superada polo verán (93,65 días), pero con tres días máis que o outono e case catro máis co inverno.
"Ao longo do presente século a primavera comezará entre o 19 e o 21 de marzo, e dado que este ano a primeira lúa chea da primavera terá lugar o 28 de marzo, tócalle ser o domingo de Pascua ao 4 de abril, inmediato domingo logo daquela", continúa o profesor Docobo.
FENÓMENOS ASTRONÓMICOS
A mediados de abril poderase observar con prismáticos o cometa c/ 2020 R4 (Atlas) e tamén, o 22 do mesmo mes, terá lugar a choiva de estrelas fugaces Líridas. Porén, agárdase maior intensidade de meteoros nas Eta-Acuáridas cun pico o 5 de maio.
Asemade, nos vindeiros meses, haberá varias conxuncións interesantes da Lúa cos planetas Xúpiter e Saturno nos seguintes intervalos: do 5 ao 8 de abril, do 3 ao 6 de maio, e do 30 de maio ao 2 de xuño.
O planeta Mercurio estará nas mellores condicións de poder ser observado a simple vista en torno ao 17 de maio logo do solpor. Aínda así, pode que o fenómeno astronómico mais relevante da primavera sexa a eclipse anelar de Sol na mañá do día 10 de xuño, que na Península se verá como parcial cunha duración de preto de dúas horas.