O alumnado sénior do campus impulsa a súa propia radio a través da plataforma Twitch
Por Redacción
"Feita con medios rudimentarios", pero tamén con moita ilusión, e co obxectivo de "dar voz e presenza aos maiores", a asociación de alumnado e ex-alumnado sénior do campus de Pontevedra (Asaexs) impulsou a súa propia "radio online", á que deron o nome de Ponte na Onda.
A través da plataforma Twitch, a asociación emite cada semana unha serie de programas de produción propia, espazos que, como explica o presidente de Asaexs, Miguel Ángel Yebra, constitúen por agora "pequenas probas para fixar o que pode ser a liña da emisora definitiva".
A estes súmase ademais, a redifusión de Radio 50yPico, un programa impulsado pola Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus), que realizan semanalmente alumnos dos programas de maiores de cinco campus galegos.
Xunto a Yebra, os tamén alumnos do Programa Universitario de Maiores no campus pontevedrés Gloria Pérez Prieto, Carmen Pérez Tilve e Juan José Meilán conforman na actualidade o equipo responsable de Ponte na Onda.
Mais, como sinala o presidente de Asaexs, o obxectivo é "ir incorporando máis xente" a unha actividade que, como lembra, "no fondo está a ser case como a nosa segunda Universidade", nestes meses nos que a pandemia da covid-19 limitou a actividade presencial na Universidade, e que se suma ademais á revista dixital Gaudeamus no propósito da asociación de "dar voz" ao alumnado sénior do campus.
PRIMEIROS PASOS
Como explica Yebra, responsable tamén da "parte técnica e de son" desta programación, para a que conta coa axuda e "a paciencia infinita" do alumno da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Carlos Martín, a canle de Ponte na Onda emite "música de forma permanente e os mércores, coincidindo coa emisión de Radio 50yPico, facemos a nosa programación".
Trátase por agora, sinala, das "primeiras gravacións e ensaios", nas que os responsables desta iniciativa abordan diferentes temáticas, desde aspectos relacionados coa historia a espazos centrados en diferentes persoeiras galegas, pasando por entrevistas como a realizada recentemente a directora da restauración do Pórtico da Gloria, Ana Laborde, ou por "un programa que estamos probando, aínda sen título definido, de rutas por Galicia".
A estas gravacións suman ademais a redifusión, en diferentes franxas horarias, do programa que o alumnado sénior dos tres campus da Universidade de Vigo e dos campus da Coruña e Lugo realiza cada semana na radio comunitaria coruñesa Cuac Fm.
Relacionadas:
-
A Casa das Campás acollerá a presentación de Canal Sénior, nova plataforma dixital con temáticas para a poboación maior
Por Anxo Lourido |
-
A 'Universidade sénior' adapta as súas aulas no Campus de Pontevedra para manter as clases presenciais
Por Redacción |
-
O programa universitario de maiores conta con máis de 100 personas matriculadas
Por Redacción |