Sanxenxo proxecta humanizar os viais da parte traseira do consistorio municipal
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo conta xa cun proxecto para humanizar a Rúa Unión e os viais adxacentes, situados na parte traseira do consistorio municipal, valorado en 287.277 euros que servirán para mellorar a accesibilidade e a imaxe dunha contorna actualmente en mal estado.
A actuación estará financiada a través do Plan Concellos da Deputación.
Trátase dunha zona céntrica moi deteriorada, con pavimentos de formigón en masa e lousas de cemento, con moi mala iluminación e deficiencia nos servizos.
O obxectivo deste proxecto é mellorar toda a contorna, a base de pavimentos de pedra, dotación de servizos, nova iluminación e introducir zonas de axardinamento para converter este espazo nunha zona atractiva e recuperable para a vida urbana.
Para o novo pavimento utilizaranse laxas de granito con acabado enrugado sobre soleira de formigón e escaleiras de granito macizo. Para a recollida de augas pluviais nas zonas baixas do espazo público, instálanse canlóns con reixa, así como rede de pluviais que se conectarán a diferentes rúas adxacentes, segundo as pendentes de evacuación.
A actuación está valorada en 287.277 euros e será financiada pola Deputación
Instalarase unha nova iluminación, que permita unha mellora da actual que é moi deficiente, con luminarias tipo led de aluminio coas que se logrará unha maior eficiencia enerxética.
Así mesmo, colocaranse en distintos puntos macetas de diferentes cores que permitirán un axardinamento da zona con variadas especies arbustivas e plantas. Este importante tratamento vexetal da zona axudará a mellorar a imaxe desta contorna.