Cita virtual cos maios en Caldas de Reis
Por Redacción
Caldas de Reis celebra o próximo día 1 de maio a súa tradicional Festa dos Maios, aínda que desta volta, debido ás complexas circunstancias sanitarias por todos coñecidas, a cita organizada polo Concello a través das concellerías de Cultura e Xuventude, terá carácter virtual.
Así, levarase a cabo un concurso que establece 3 premios de 150 euros cada un para o maio mellor engalanado, para a mellor copla e para a mellor interpretación. Os maios non premiados levarán unha achega de 50 euros.
Poderán participar no certame todas as asociacións culturais, colexios, grupos, colectivos veciñais, entidades e persoas que o desexen. Cada colectivo participante deberá remitir ao Departamento de Cultura e Xuventude antes do día 27 de abril a folla de inscrición debidamente cuberta e asinada e un vídeo de una duración máxima de 5 minutos no que se poida apreciar o maio participante así coma a interpretación da copla coa que se concursa.
As bases do concurso poden consultarse nas redes sociais do Concello, así como na páxina web municipal, de onde tamén se pode descargar a documentación de suscrición.
A concelleira de Cultura, María López, lamentou que esta nova edición da Festa dos Maios tampouco poida celebrarse con normalidade por mor da pandemia "porén, optamos por un concurso virtual que permita nestas circunstancias preservar o patrimonio cultural e fomentar o interese polas festividades e actividades tradicionais". Por último, animou a toda a veciñanza, colexios, asociacións e colectivos a participar no certame.