Mobilizacións en favor da recuperación do sistema sanitario público
Por Oskar Viéitez
Os concellos de Poio e Bueu súmanse ás mobilizacións convocadas en favor da recuperación do sistema sanitario público. Trátase dunha iniciativa impulsada en toda Galicia por parte da Plataforma SOS Sanidade Pública
Normalizar a actividade nos centros de saúde e garantir a asistencia presencial, solicitar a realización dun plan para afrontar as listas de agarda acumuladas, esixir información transparente e acceso universal ás vacinas da Covid-19, incrementar o persoal e rematar coa precariedade existente entre os profesionais e rexeitar a reforma da Lei Galega de Saúde, "que recorta as liberdades civís", son algunhas das reivindicacións que se defenden e impulsan a través desta mobilización.
A Mesa da Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio, na que están representados os catro grupos da Corporación, celebrou este venres unha sesión telemática, de carácter extraordinario, que serviu para constatar a implicación do Concello na mobilización impulsada desde a Plataforma SOS Sanidade Pública.
A través desta convocatoria, anímase á realización de concentracións e manifestacións en todas as áreas sanitarias e localidades galegas. No caso de Poio, a cita será o vindeiro mércores 21 de abril, ás portas do Consistorio, a partires das 20.00 horas.
En Bueu a concentración en defensa da sanidade se celebrará na Praza do Concello de Bueu o próximo mércores 21 de abril, ás 20.00 horas. Así o anunciaron este venres os promotores desta iniciativa que fixeron un chamamento a toda a cidadanía para que acuda a esta concentración, na que se cumprirá con todas as medidas sanitarias e de seguridade.
Xosé Leal, concelleiro de cultura e medio ambiente, salientou na rolda de prensa que "é importante que todas e todos nos impliquemos nesta loita polo sistema sanitario público, pois nos últimos anos estamos vendo como se desmantelan os servizos públicos polos que tantos anos se loitou".