As oenegués piden marcar a X solidaria na declaración da renda para manter a súa actividade
Por Redacción
As oenegués de Galicia aproveitan o inicio da campaña para a presentación da Declaración da Renda para pedir colaboración á cidadanía para que marque o recadro 106 de "Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social", coñecida popularmente como a X Solidaria.
A situación de emerxencia sanitaria está a facer máis vulnerables ás persoas que xa o eran antes da pandemia. Cara a elas, as ONG galegas destinan programas e servizos de atención e para seguir manténdoos precisan finanzamento económico que chega a través do 0,7 % do IRPF, unha achega que aos contribuíntes non lles supón ningún custo adicional.
Pontevedra é a provincia galega que conta cun 54% de persoas contribuíntes que marcaron esta casa. No 2020, foron un total de 142.627 contribuíntes os que marcaron a X Solidaria nas súas declaracións, 5.472 máis que no ano anterior, e recadáronse máis de 3 millóns de euros.
Con todo, máis de 120.000 pontevedreses seguen sen marcar o cadro doutros fins sociais privando a estas organizacións sen ánimo de lucro de recadar preto de dous millóns de euros a maiores a favor de persoas en perigo de exclusión social. En Galicia, como media, cada contribuínte achegou 26,22 euros a esta causa na campaña do 2020.
O IRPF abarca unha gran diversidade de programas de loita contra a pobreza, pola discapacidade e pola infancia que veñen desenvolvendo todo tipo de actividades como programas de atención temperá, de inserción laboral, de exclusión social ou para atención a mulleres vítimas de violencia machista, entre moitos outros.
Lembran estas entidades que marcar a X solidaria non custa nada, nin pagarán máis nin recibirán menos diñeiro nas devolucións. Por iso piden tamén aos que marcan a casa de apoio á Iglesia, que fagan o mesmo coa casa de actividades de interese social.