O PP denuncia que o Concello segue pagando polos terreos da planta de compost co contrato extinguido
Por Manu Otero
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Partido Popular de Pontevedra denuncia que o Concello continúa pagando 20.000 euros ao ano á Comunidade de Montes da Canicouva polo alugueiro da parcela na que ía instalarse unha planta de compostaxe que aínda non se construíu. Aseguran os populares que o contrato expirou no 2019, ao pasar catro anos sen ningunha actuación na leira, e que o goberno local seguiu pagando a renda.
"A día de hoxe non existe aínda nin proxecto, e desde o 2015 levamos pagando vinte mil euros todos os anos por uns terreos que non se utilizaron", sostén o presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, que compareceu ante os medios acompañado polo concelleiro Gerardo Pérez Puga.
Argumenta a súa denuncia Domínguez facendo referencia ao punto cinco do contrato de arrendamento. "Se o centro municipal de tratamento de residuos e elaboración de compostaxe non se chegase a construír nun prazo de 4 anos desde a sinatura do contrato ou deixase de funcionar por periodo superior a un ano logo da súa posta en funcionamento, quedará automáticamente extinguido este contrato, recuperando o titular plena propiedad e posesión do predio, ou porción ao que atinxa o mesmo", cita o líder da oposición.
O que non entenden os populares é que o alcalde asinase recentemente un novo pago de 20.000 euros á comunidade de montes se o contrato está extinguido. "Non estamos a falar só de tirar o diñeiro de todos os pontevedreses ao lixo ano tras ano, e xa van máis de 100.000 euros de todos os pontevedreses. Estamos a falar que non existe xustificación xurídica ou documental para o pago, o que supón que se desembolsou o diñeiro dos pontevedreses dunha forma ilegal", sentenza Domínguez.
No PP teñen a intención de solicitar unha comisión de investigación sobre este asunto no próximo pleno, pero xa avanzou Domínguez que "ante a negativa de Lores a que se investiguen os contratos e a negativa do PSOE a que se aprobe esta comisión, non nos van a deixar máis remedio que poñer estes datos en mans da Xustiza".
Ao paso desta acusación saíu a concelleira responsable do departamento de Patrimonio, Carme da Silva, quen asegurou que existen "informes a favor" de que se faga o pago e que son os funcionarios os encargados de fiscalizar o gasto do Concello. Neste sentido, fai referencia a un informe de Intervención no que concluy que o expediente de pago do alugueiro é "de conformidade".
Asegura ademais a concelleira nacionalista que o contrato segue en vigor e que só podería resolverse se hai "solicitude expresa por algunha das partes".
Despois de aclarar a situación, da Silva asegurou que "o PP ten un grave problema en Pontevedra" por dar "información falsa aos medios" e " poñer en tea de xuizo aos funcionarios".
Relacionadas:
-
A Fiscalía investiga o contrato municipal polos terreos da Canicouva
Por Alejandro Espiño |
-
O PP considera "extinguido" o contrato municipal para a planta de compost da Canicouva
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Rafa Domínguez, sobre a xestión de residuos: "O BNG de Lores debería ser máis humilde e menos soberbio"
Por Redacción |