Queixas por seis roturas de tubaxes en menos de dous anos na Rúa Río Miño, na Caeira
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular levará a próxima semana á Comisión Informativa de Urbanismo a situación que sofre a veciñanza da Rúa Río Miño, na Caeira. Denuncian os populares seis roturas de tubaxes en menos de 2 anos.
Segundo indica a concelleira Rocío Cochón estas avarías provocaron danos nas vivendas, con inundacións de baixos e garaxes, ademais doutro tipo de complicacións para as persoas residentes nesta zona de Poio.
Este mesmo venres rexistrábase unha nova rotura, catro meses despois da anterior, segundo comunicáronlle os veciños cos que se reuniu a concelleira popular. Cochón afirma que en decembro o PP pediu en comisión que se atendese de forma definitiva esta problemática na rúa, pero indican que se realizan parches e en Nadal asolagouse unha vivenda e agora rompe a reparación que acometeran os operarios.
Por este motivo, a concelleira pedirá a substitución de todas as tubaxes que se atopen en mal estado sen que se realicen "remendos". Rocío Cochón entende que os servizos básicos deben garantirse a toda a veciñanza e denuncia carencias no municipio que non son propias do século XXI.