Chega á Audiencia un novo caso de abuso sexual dun home á filla da súa parella
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves día 6 de maio un xuízo por un delito de abuso sexual.
Xúlgase a un sospeitoso de abusar sexualmente de maneira continuada da filla da súa parella, unha nena que é menor de idade. O Ministerio Fiscal pide para el unha condena de doce anos de cárcere, oito de liberdade vixiada e que indemnice á vítima con 25.000 euros.
A Fiscalía no seu escrito de acusación, asegura que os abusos comezaron a tarde do fin de ano de 2017 no domicilio familiar que compartían o acusado, a súa parella e a filla desta.
Os tocamentos á nena "sen o seu consentimento e contra a súa vontade" producíanse, segundo consta nas conclusións preliminares do Ministerio Público, cando o acusado entraba no dormitorio da pequena "coa escusa de darlle as boas noites", ou cando a atopaba pola casa e a nai estaba durmida, non estaba preto ou estaba ocupada.
Tras a denuncia da nai da menor, o Xulgado de Instrución número 2 de Tui decretou en outubro de 2018 unha orde de afastamento do acusado sobre a vítima.