"Un libro non é só a súa portada e non podemos xulgalo por ela. Entón, por que o facemos coas persoas?"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Mentres vostede le estas liñas, algunha persoa dun centro educativo está a sufrir acoso ou abuso, quizais por como se maquilla ou por como se viste ou simplemente por non seguir os roles que a sociedade lle ten asignado a cada xénero. A discriminación, o bullying, os prexuízos, as violencias, os abusos son unha realidade en toda a sociedade e cada día seguen a alterar a convivencia dos centros educativos.
Esta é unha das premisas sobre as que se basearon as alumnas e o profesor do IES Johan Carballeira de Bueu Paula Montejano, Iria Estévez, Lía Menduíña, Samella Clara Honorato e Miguel Quiroga para organizar o acto multitudinario que este martes converteu as rúas A Pedra e Staffan Mörling en todo un alegato sobre a liberdade, a diversidade e a non discriminación.
O evento citou a alumnado e profesorado dos institutos Johan Carballeira e IES Illa de Ons e do CEIP Plurilingüe A Pedra como actividade final do traballo realizado no primeiro dos centros desde o pasado mes de novembro coa campaña "A roupa non ten xénero". Como colofón, convidaron ao resto dos centros e tamén aos representantes do Concello de Bueu a unha actividade que, dun xeito lúdico, cunha actuación de batucada incluída, amosou a unidade de toda a comunidade educativa nesta materia.
Todas as persoas participantes acudiron vestidas con saia, un símbolo que busca reivindicar que esta non é unha prenda só feminina. No Johan Carballeira todo o alumnado está convidado a levala cada 4 de cada mes desde novembro dando continuidade a unha protesta realizada en toda España o 4 de novembro en apoio a Mikel, un alumno dun instituto do País Vasco que sufriu discriminación por parte dun profesor por vestir saia.
Este 4 de maio, ademais, vestiron deste xeito as persoas procedentes dos outros centros e tamén o alcalde de Bueu, Félix Juncal; as concelleiras Ana Isabel Otero e Silvia Carballo; e o concelleiro Xosé Leal.
Durante o acto, colleu o micro, tamén con saia, Antía Novas, unha alumna do Johan Carballeira que leu un texto reivindicativo da súa autoría que fixo pensar a todas as persoas presentes. Antía presentouse como unha grande lectora e fixo un simil entre os libros e as persoas: "Un libro non é só a súa portada e non podemos xulgalo por ela. Entón, por que o facemos coas persoas?".
A través do seu discurso, animou a todas as persoas presentes a non deixarse levar polos prexuízos ou os roles establecidos. "Digámoslle adeus ao empeño de encaixar no molde home ou muller. Desbotemos o aburrido ritual de ser dunha forma ou outra en base ao noso xénero. (...) Mesturemos saias, pantalóns, gravatas, xerseis, tops, vestidos, tacóns, zapatillas, diademas, colgantes, aneis... (...) Permitamos que cada un sexa libre de adornar a súa imaxe como prefira".
Vestían saia tamén os cinco impulsores desta iniciativa, que leron un manifesto reivindicativo que comezaron dun xeito moi rechamante: "A roupa ten xenitais? Non. Entón, por que se lle atribúe a un xénero específico?". E no que manifestaron que todas as persoas alí presentes "compartimos obxectivos na loita a favor da igualdade, da erradicación da violencia e a favor da xustiza".
Animaron tamén a todas as persoas presentes a que "non permitades que ningún vos xulgue nin que tampouco vos menosprece por serdes vós mesmas" e amosaron a súa solidariedade con todas as persoas que sufriron e sofren insultos, risas ou burlas por como visten ou como son.
A resposta a esta convocatoria foi masiva por parte de todos os centros educativos. Samella recoñece que o seu éxito "encantoume" e tena "ilusionada" e Iria chamou a atención sobre o logro "Incrible" de que unha iniciativa coa que comezaron só cinco persoas tivera agora un apoio masivo e sobre o cambio que ela mesma experimentou de "certas persoas que antes te xulgaban e agora están apoiando".
Segundo explicou Lía, o seu obxectivo era "facer algo grande como un peche da actividade" e agrádalles especialmente a unión do alumnado do colexio A Pedra. Así, Paula destaca que "se non ensinas desde moi pequenos a non xulgar, logo cando son maiores penso que pode ser demasiado tarde".
Tamén o alcalde quixo apoiar esta iniciativa e, en declaracións aos medios, amosou o seu orgullo polo éxito da convocatoria, pois "a mocidade sempre nos transmite que realmente hai persoas que veñen detrás nosa que intentan cambiar a sociedade patriarcal, e que loitan por un mundo máis xusto dende a transgresión e o inconformismo".
A protesta, ademais, perdurará na retina dos presentes no acto e na propia rúa, onde o alumnado máis novo fixo pintadas como "este 4 de maio, vimos aprender que os pantalóns non son de home nin de muller" ou "olvida as regras, se che gusta, úsao".
Relacionadas:
-
A realidade das persoas transexuais centra as xornadas pola diversidade afectivo sexual de Bueu
Por Redacción |
-
O 8M en Bueu, unha "alerta" de que o mundo "pode volver atrás"
Por Redacción |
-
A roupa non ten xénero e estas rapazas si moito que dicir: "Todo vén da mesma tea e do mesmo fío"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |