Convocan unha concentración veciñal contra o cambio de nome da avenida Juan Carlos I por Virxinia Pereira
Por Redacción
"Concentración. Non ao cambio de nome da avenida Juan Carlos I". Con este encabezamiento escrito en lingua castelán apareceron, durante as últimas horas, carteis facendo unha chamada á veciñanza da avenida Virxinia Pereira Renda para participar nunha protesta para demandar que se manteña o nome desta avenida co nome do rei emérito.
O venres 23 de abril facíase efectivo o cambio do nome desta avenida. Tres semanas máis tarde convocouse esta concentración a través de notas na contorna da zona sen que apareza quen organiza o acto. Cítase á veciñanza para realizar a protesta a partir das 19.00 horas do sábado 15 de maio no cruzamento de Pintor Laxeiro coa avenida.
A nova denominación do vial como Avenida Virxinia Pereira Renda foi aprobada pola corporación municipal de Pontevedra en pleno cos votos favorables do grupo de goberno formado polo BNG e polo PSdeG-PSOE fronte ao rexeitamento do Partido Popular e do concelleiro non adscrito Goyo Revenga.
Residentes na zona mostran a súa preocupación polos problemas que se xeran cun cambio destas características, sobre todo en relación a establecementos comerciais coas modificacións aos que o cambio de nome obriga en relación a diferentes documentos administrativos.
Pola súa banda, colectivos relacionados coa Memoria Histórica como Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), entenden que é destacable este cambio de denominación ao pasar de "un monarca corrupto" ao nome dunha muller "con valores republicanos". Virxinia Pereira, esposa de Castelao, foi unha defensora dos dereitos de Galicia e a máxima valedora de que os fondos do artista de Rianxo permanecesen no Museo de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Fracasa a concentración contra o cambio de nome da avenida Juan Carlos I
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Adeus a Juan Carlos I, ola a Virxinia Pereira Renda
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O cambio de nome de Juan Carlos I segue adiante tras rexeitarse o recurso dun particular
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Un particular recorre a retirada de Juan Carlos I do rueiro de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
"Alegría" nos colectivos pola memoria pola rúa a Virxinia Pereira en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Juan Carlos I, expulsado do rueiro de Pontevedra: "É un acto de xustiza, decencia e hixiene democrática"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Non haberá rastro de Juan Carlos I no rueiro de Pontevedra a partir de febreiro
Por Alejandro Espiño |