Inhabilitan un sarxento da Garda Civil por apropiarse do diñeiro de varios denunciantes
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra condenou un sarxento primeiro da Garda Civil por aproveitarse do seu cargo para apropiarse de diñeiro de persoas que acudían a formalizar denuncias.
Ao comezo do xuízo, Carlos, o garda civil acusado, empezou negando todos os feitos e mostrando discrepancias coa actuación da súa propio avogado pero tras contestar as preguntas do fiscal Juan Carlos Aladro vendo que as cousas se poñían na súa contra, decidiu cambiar de estratexia e pediu un receso para propoñer un acordo de conformidade.
Tras uns minutos de suspensión a vista oral retomouse e entón o garda civil xa admitiu a autoría de todos os feitos polos que estaba acusado e polos que a Fiscalía lle pedía inicialmente unha pena de nove anos e tres meses de prisión.
En virtude do acordo ao que chegaron as partes, a Fiscalía rebaixou a petición de penas e o sarxento primeiro aceptou unha condena de 3 meses de prisión con suspensión de emprego e soldo por cada un dos dous delitos de apropiación indebida, así como 6 meses de suspensión de emprego e soldo por cada un dos dous delitos de omisión do deber de perseguir delitos e multa de 5 meses cunha cota diaria de 10 euros por un delito de falsidade en documento público. Ademais quedará inhabilitado por 5 anos e terá que asumir o pago das custas procesuais.
A Fiscalía tivo en conta as atenuantes de dilacións indebidas, a de confesión tardía e a de reparación do dano pois devolveu ás vítimas "o diñeiro recibido e indebidamente apropiado".
Os feitos que admitiu cometer este garda civil tiveron lugar no verán de 2015, cando o procesado, era comandante do Posto de Garda Civil no Covelo. Segundo confesou, recolleu datos facilitados por unha persoa que buscaba denunciar a outra por desavinzas nun contrato pero "non formalizou minuta policial nin atestado algún", "nin tampouco presentou minuta ou atestado diante os Xulgados de Ponteareas, tal e como era a súa obrigación".
Ademais, o acusado chamou á persoa á que se tentou denunciar e, "prevaliéndose da súa condición de axente da autoridade", convenceuna de que lle entregase 900 euros "coa escusa de que arranxaría as cousas" co outro implicado. Finalmente, o sarxento primeiro cobrou a cantidade e incorporouna ao seu patrimonio.
A primeira persoa tentou en tres ocasiones interpoñer a denuncia, ata que o acusado "viuse obrigado a recollela" en abril de 2016. Despois, "coa finalidade evitar ser descuberto e eludir as súas responsabilidades", o sarxento primeiro elaborou dous oficios policiais e unha dilixencia policial incorporados ao atestado que inclúe a denuncia nos que incluíu un relato "non coincidente de ningún xeito coa realidade" para "enmascarar as súas propias accións".
Así mesmo, en 2015, un home presentouse no posto da Garda Civil para interpoñer unha denuncia pola comisión dun delito de apropiación indebida contra outro home debido a desavinzas nun contrato para proceder á talla dunhas árbores. Este home foi atendido polo acusado, que, "prevaliéndose da súa condición de Garda Civil", convenceuno para que non interpuxese denuncia algunha "coa escusa de que arranxaría as cousas" coa outra persoa no seu nome.
Con todo, o comandante do posto de Covelo "non formalizou minuta policial nin atestado algún, nin tampouco presentou minuta ou atestado diante dos Xulgados de Ponteareas por estes feitos, tal e como era a súa obrigación". Despois, citou ao segundo home para que acudise ao posto en xaneiro de 2015, onde "lle informou de que existía unha investigación policial pola comisión dun delito de apropiación indebida" e de que debía que pagar ao primeiro home o prezo da madeira tallada. Así, o segundo home entregou en metálico 1.000 euros ao acusado.
Ese mesmo día, volveu convocar a este segundo home e informoulle de que tiña que pagar á outra persoa "o prezo da madeira tallada que aínda non fora satisfeita". Así, este entregoulle outros 1.000 euros.
O comandante do posto recibiu o diñeiro, pero só ingresou ao home que tentara interpoñer a denuncia os primeiros 1.000 euros. O segundo home logrou a devolución da cantidade restante cando o acusado foi citado para prestar declaración en calidade de investigado diante da autoridade xudicial.