Virá Pedro Sánchez de vacacións a Pontevedra?
Por Oskar Viéitez
O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez pasou as súas últimas vacacións en Lanzarote e en Doñana, pero quen sabe se este verán optará por gozar dos encantos da Boa Vila.
A proposta xa a ten nas súas mans pois este venres en FITUR o tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández e a concelleira de Turismo, Yoya Blanco entregáronlle unha Caixa Branca con material promocional da cidade como destino turístico.
Entre outros agasallos, a caixa incluía un exemplar do libro de destino 'Pontevedra de corazón', un bolígrafo-USB co vídeo 'O regreso dos seres extraordinarios' e diverso material de merchandising da marca Pontevedra.
Segundo sinala o Gabinete de Comunicación do Concello "a maxia da nosa cidade conseguiu conquistar hoxe na Ifema ao público da Feira Internacional de Turismo Fitur 2021 e mesmo o corazón do presidente do Goberno, Pedro Sánchez".
Sánchez agradeceu o presente, o único que o xefe do Executivo se levou consigo hoxe de Fitur, e comprometeuse coa delegación pontevedresa a visitar a nosa cidade tan pronto como situación sanitaria estea totalmente baixo control.
Foi a guinda dun acto no que o vídeo realizado por Fernando Portela e protagonizado polas personaxes de fantasía de Pablo Méndez Performances brillou pola súa beleza e orixinalidade. A concelleira de Turismo, Yoya Blanco e o tenente de alcalde estiveron acompañados polo escritor Manel Loureiro nun acto que contou coa presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; a parlamentaria autonómica Leticia Gallego; a deputada provincial Ana Laura Iglesias; os concelleiros de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Social de Pontevedra, Iván Puentes e Marcos Rey; o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López; a directora xeral de Turismo, Nava Castro; o concelleiro do Grupo Municipal do PP Guillermo Juncal, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
Na súa intervención, Yoya Blanco agradeceu a colaboración de tódalas persoas que colaboraron no libro 'Pontevedra de corazón', así como no deseño das Caixas Brancas, "que levan no seu interior segredos dunha cidade milenaria e murallas medievais, de tesouros agochados de piratas, de camiños xunto ao río Lérez, descobrendo vellos balnearios e pontes acendidos; segredos de amores de verán nas festas, de ceas nas terrazas ou dun café baixo a choiva".
Pola súa banda, Manel Loureiro asegurou que "unha das cousas máis grandes da cidade de Pontevedra é que ten un emprazamento xeográfico extraordinario, que lle permitiu converterse en referente turístico", xa que resulta un punto de partido perfecto para coñecer tódalas vilas e lugares dos seus arredores.
E Tino Fernández sinalou que Pontevedra ofrece "o sol do noroeste, que quece sen queimar; o orballo que refresca e parece non mollar; as lendas das nosas rúas; o Camiño que leva ata Santiago, ou as portas que se abren cara outros mundos". Na súa opinión, "somos, sen querer exaxerar, o centro das rías máis bonitas do mundo, somos 12 meses diferentes".
"Pero temos moito máis. Somos unha cidade dinámica, que avanza e se adapta. Somos un referente en mobilidade, na recuperación de espazos para as persoas. Vir a Pontevedra é pasear tranquilos, sen présas nen agobios, deixando que os nenos gocen de cada recuncho e de cada praza gañada ao tráfico para desfrute das persoas", incidiu o tenente de alcalde.