Moraña acondiciona a contorna das sus pistas multideportivas
Por Redacción
O goberno municipal de Moraña destinou uns 48.000 euros á mellora da contorna das pistas deportivas situadas ao fondo da Rúa 7, á beira do campo de fútbol do Buelo.
En concreto, acondicionouse o acceso á zona multideportiva e realizáronse unha serie de actuacións nas inmediacións do circuíto pump track.
As obras, que se financiaron cunha partida do Plan Concellos da Deputación, foron realizadas pola empresa ACEVI e consistiron en traballos de pavimentación, a execución de muros a modo de bancadas e a instalación de diferentes pezas de mobiliario.
Así, colocáronse tres tipos de pavimentos en función das zonas. Nos accesos optouse por un material máis urbano, mentres que ao redor da pista multideportiva elixíronse dous tipos de pavimentos duros de formigón. Na zona máis alta instalouse un pavimento brando de saburra artificial estabilizada, a modo de transición entre as pistas e a zona verde, cun bordo perimetral de formigón prefabricado.
Aproveitando o desnivel existente entre a pista multideportiva e a plataforma sobre a que se asenta o circuíto pump track, realizouse unha bancada con muros de formigón. Ademais, executáronse pequenos muretes de 50 centímetros de altura na zona baixa dos noiros cara á rúa e mellorouse o actual acceso en costa á plataforma do circuíto.
A actuación completouse coa instalación de bancos e papeleiras para os residuos.