O campus de Pontevedra aposta por tres cursos de formación durante os meses de xuño e setembro
Por Redacción
A Vicerreitoría do campus de Pontevedra convida á cidadanía a formarse ao longo do verán cunha serie de cursos de Extensión Universitaria entre os meses de xuño e setembro. Robótica e programación serán as ferramentas para o ensino de ciencias, o coidado da saúde mental na etapa perinatal e as accións empresariais de comunicación e relacións públicas. O prazo de inscrición abrirá o 4 de xuño na plataforma Campus Activo.
Os prezos de matrícula son entre 40 e 80 euros. Aplicarán un desconto do 35% no caso de integrantes da comunidade universitaria xa que son tres cursos que "completan a formación do alumnado en materias que son importantes para a súa formación integral", salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto.
Entre o 22 de xuño e o 8 de xullo, desenvolverán a quinta edición do curso 'Programación, robótica e encerado dixital' a través de Campus Remoto. Está dirixido a afondar na integración da tecnociencia na educación do século XXI e achegar novos recursos para ensinar ciencias en educación infantil e primaria. O dirixirá o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Uxío Pérez, e impartido por María Lorenzo e Nuria Castiñeira. O límite de participantes será de 30 persoas.
Tamén virtualmente, entre o 28 e o 30 de xullo, celebrarán o curso de 'Abordaxe integral da saúde mental perinatal', dirixido a afondar nos principais aspectos que rodean o proceso de xestación, parto e posparto e a súa influencia na saúde mental. Será dirixido pola profesora da Facultade de Educación e Traballo Social, María José Vázquez Figueiredo, e buscará dotar á xente participante dos coñecementos e ferramentas que lles permitan de identificar as necesidades da muller xestante, pero tamén as do bebé e a súa familia, así como levar a cabo unha abordaxe preventiva das problemáticas de saúde mental perinatal. Tamén contará coa participación de profesionais da psicoloxía, xinecoloxía, pediatría e enfermaría. Neste caso, o límite máximo é de 50 asistentes.
Finalmente, o único curso de carácter presencial terá lugar entre o 14 e o 30 de setembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Será a nova edición de 'Experiencias de éxitos de publicidade e RRPP de pemes galegas'. O dirixirá a catedrática Aurora García, e afondará no papel da publicidade, as relacións públicas ou o márketing no ámbito empresarial, a través dunha serie de casos reais, que serán analizados polos e polas profesionais que os xestionaron. O curso permitirá afondar en diferentes accións publicitarias e de relacións públicas, na organización de eventos, na relación cos medios de comunicación ou no labor de responsabilidade social das empresas. As prazas ofertadas neste caso son 25.