Portos de Galicia ratifica o seu compromiso inversor cos peiraos de Raxó e Covelo
Por Oskar Viéitez
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, mantén o seu compromiso coa mellora e dotación de investimentos nos peiraos do municipio de Poio.
Así o reiterou este martes a presidenta do ente público, Susana Lenguas, na resposta a unha pregunta parlamentaria formulada na comisión de Pesca e Marisqueo pola viceportavoz do grupo socialista, Paloma Castro, que denunciou a xestión "clientelar e caciquil" do goberno galego, ao que acusa de "marxinar aos veciños e veciñas de Poio sen unha infraestrutura fundamental para a recuperación do entorno e para garantir as condicións de seguridade viaria".
Susana Lenguas lembrou que nos últimos anos e "aínda no marco da crise económica", acometéronse diversas actuacións nos portos de Raxó e Covelo "consideradas prioritarias por razóns de seguridade", por importe de preto de medio millón de euros.
"Portos de Galicia está investindo nos portos de Raxó e Covelo aínda cando no caso deste último a actividade portuaria é nula e de feito por esta razón xa se lle propuxo ao Concello a reversión da instalación para a posterior xestión municipal", reseñou.
Ademais a presidenta de Portos informou de que o pasado mes de abril nunha reunión co Concello confirmouse que "Portos de Galicia contaba xa cunha asistencia técnica para propoñer alternativas a nivel de proxecto para a mellora en superficie no porto de Raxó e instou á administración local a desenvolver a parte dos servizos municipais de saneamento e abastecemento, xa que o proxecto en superficie está supeditado a esta integración".
Finalmente, Susana Lenguas instou unha vez máis ao Concello de Poio a colaborar con Portos de Galicia para a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas partes para regular o tráfico en das zonas portuarias. A este respecto lembrou que durante o último ano e medio ofrecéronselle diferentes alternativas de convenio ao Concello sen que teñan sido aceptadas ata o momento.
O PSOE DENUNCIA "CACIQUISMO" POR PARTE DA XUNTA
Pola súa banda, a viceportavoz do grupo socialista, Paloma Castro reclamou a Portos de Galicia que cumpra co compromiso acadado co Concello de Poio hai agora 11 anos e leve adiante o acondicionamento do paseo marítimo e do Porto de Covelo.
Castro afirmou que o "desleixo" demostrado por Portos de Galicia é "unha tomadura de pelo a todos os habitantes de Covelo, que vén como todo segue igual 11 anos despois da sinatura dun convenio entre o Concello e o ente autonómico".
Relacionadas:
-
A Xunta presentará o mércores o proxecto de reordenación dos accesos ao porto de Raxó
Por Redacción |
-
Portos de Galicia e o Concello regularán os aparcadoiros nos peiraos de Raxó, Covelo e Combarro
Por Redacción |
-
A Xunta estuda diversas opcións para mellorar o peirao de Raxó
Por Redacción |
-
O Parlamento insta a Portos de Galicia a que acondicione o vial portuario de Raxó
Por Oskar Viéitez |
-
Portos de Galicia e o Concello abren unha vía de colaboración para remodelar os portos de Raxó e Covelo
Por Oskar Viéitez |