Balance "decepcionante" para o PP nos dous anos de mandato dun goberno "desaparecido"
O Partido Popular fixo balance da xestión municipal cando se cumpre o ecuador do actual mandato, dous anos "decepcionantes", segundo Rafa Domínguez, que considera que o goberno local, co alcalde á fronte, estivo "desaparecido" en plena pandemia.
Nun almorzo informativo, Domínguez asegurou que a xestión municipal nestes dous anos foi un "absoluto fracaso" e que desde o Concello mantívose unha postura "inmovilista" e non se axudou "a quien lo está pasando muy mal" debido á crise.
A "incapacidad" do bipartito BNG-PSOE, sinalou o portavoz popular, demóstrase no feito de que as medidas adoptadas "no han funcionado" e, ademais, "llegaron tarde y mal", como o programa Supera para apoiar aos negocios afectados pola covid-19.
No seu repaso, o líder do PP de Pontevedra sinalou que o tráfico na cidade é "incluso peor" que antes da pandemia, en parte polo peche de Raíña Vitoria ou que os barrios e parroquias están "practicamente igual que hace 22 años".
Ademais, fronte á "importante" posta en marcha das dúas liñas de transporte público, Domínguez lamentou que tras cinco anos de tramitación o transporte a demanda proposto polo goberno municipal "no ha hecho aún ni un solo viaje".
En materia de servizos sociais, o portavoz popular asegurou que "en el año que mayor capacidad deberían tener" están a producirse atrasos "injustificados" na atención e criticou a ausencia de grandes obras ou as dificultades postas na práctica deportiva.
Fronte a iso, Rafa Domínguez destacou o labor "propositivo" do PP como oposición, un traballo do que asegurou estar "muy contento" e ante o que "no podemos dormirnos en los laureles". Así, os populares están a ultimar programas de mellora en diversas áreas.
O dirixente do PP local tamén destacou a tarefa de "auditoría" realizada polo seu partido sobre as contratacións do Concello e avanzou que "en días o semanas" denunciarán catro contratos municipais ante a Fiscalía para que investiguen a súa legalidade.