Cambio de proxectores lumínicos e cristais deteriorados no recinto do Pazo da Cultura
Por Redacción
O Pazo da Cultura sométese a tarefas de mantemento e acondicionamento das instalacións. A concellería de Cultura, responsabilidade da concelleira Carmen Fouces, ten previsto repoñer os cristais que se atopan deteriorados nesta instalación.
A actuación contará cun investimento de 30.00 euros e sairá a procedemento público nas próximas semanas. Estes traballos de mellora de elementos de pouca importancia son, con todo, imprescindibles para a actividade diaria deste espazo cultural, segundo indican desde o Concello de Pontevedra.
A estas actuacións hai que sumar o cambio dunha das luminarias que se atopa na chaira exterior do Pazo da Cultura, que fora golpeada por un vehículo. O seguro do condutor encargouse do pago do báculo roto, pero xa se aproveitou a ocasión para cambiar os oito proxectores a tecnoloxía led para atender ao aforro enerxético.
Tamén está previsto realizar unha pequena reforma na zona de cafetería-restaurante do Pazo da Cultura para mellorar a accesibilidade. Crearanse dous cuartos de baño de uso exclusivo para a clientela da cafetería e, desta forma, o recinto funcionará de maneira independente ao resto do Pazo.