Praia de Compostela, praia sen fume
Por Redacción
A praia de Compostela, no municipio de Vilagarcía de Arousa, estreaba este martes pola tarde a bandeira que acredita que este areal forma parte da Rede Galega de Praias sen Fume, unha iniciativa da Dirección Xeral de Saúde Pública, que apoia o Concello de Vilagarcía.
Matilde Laya, concelleira de Sanidade, e Diego García, concelleira de Praias, encargáronse de izar este distintivo, que indica que esta praia é un espazo libre de tabaco durante este verán. Con esta proposta pretenden desnormalizar o vicio de fumar en espazos públicos e naturais, ademais de informar á poboación sobre os beneficios que ten para a saúde abandonar este hábito.
Esta medida non implica a imposición de sancións, pero desde o Concello fan un chamamento para que os bañistas respecten este espazo reservado xa que, a pouca distancia, se atopa a praia da Concha, que non forma parte desta campaña.
Ao longo do verán realizaranse actividades e accións encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco. Esta praia será promocionada na web da Consellería de Sanidade e doutras entidades, ademais de incluírse en folletos turísticos da comunidade autónoma e formará parte dunha rede de excelencia.