Pablo Méndez, proposto por AJE Pontevedra, obtén o Premio Xove Empresario de Galicia 2021
Por Redacción
O empresario Pablo Mëndez, creador de Pablo Méndez Performances, unha entidade de espectáculos, mostrábase feliz nas últimas horas ao ser galardoado co Premio Xove Empresario de Galicia 2021 que outorga AJE Galicia.
A súa candidatura fora presentada por AJE Pontevedra e foi escollida entre outras 20 propostas aspirantes. Méndez afirma que "tras máis dun ano nas pavías, con tantos proxectos paralizados e tanta tensión contida, chega o momento de emprender de novo o voo e recuperar o tempo perdido. E se ademais o mundo empresarial dáche un premio polo teu traballo, que máis se pode pedir?".
O emprendedor pontevedrés non se puido desprazar á entrega de premios en Narón porque se atopa actualmente en Eivissa para iniciar a tempada con espectáculos diarios en dous dos principais hoteis da illa. O galardón era recollido por Tatiana Fontenla e Carolin Ramil, dúas das integrantes da compañía. Elas agradeceron o traballo desenvolvido por Pablo Méndez e tamén á man dereita do director nos proxectos creativos, Anahí Domínguez.
O premio supón un recoñecemento a unha traxectoria empresarial de 20 anos e que tivo dimensión internacional con montaxes espectaculares. A situación pandémica provocou que se paralizasen proxectos de expansión que esta compañía artística tiña prevista antes de 2020. Durante 2019, Pablo Méndez Performances celebrou 580 actuacións distintas nas que se implicaron 150 persoas, a maioría delas artistas. Entre as súas últimas actuacións destaca a realizada no programa televisivo Got Talent, provocando a admiración do xurado e do público.