Falta de acordo entre Concello e Xunta pola Unidade de Atención de Drogodependencias
Por Diego Espiño
A reunión entre Concello de Pontevedra e a Consellería de Sanidade de la Xunta de Galicia sobre a Unidade de Atención de Drogodependencias (UAD), celebrada este luns en Santiago, non achegou demasiado as posturas entre ambas as dúas administracións.
Ante a petición pontevedresesa de que a Xunta asuma o financiamento íntegro da instalación, cunha achega municipal próxima ao 50% na actualidade, Sanidade remite ao Concello a unha reunión na Fegamp na que se discutirá o futuro das 17 unidades que hai en Galicia.
Ademais, a consellería suxire a Pontevedra que busque apoio entre os concellos limítrofes aos que tamén presta servizo a UAD situada na praza de Valentín García Escudero, segundo afirma a concelleira de Benestar Social Carmen Fouces: "polas cousas que plantexan xa te dás conta de que non hai intención de buscar unha solución".
Concello e Xunta si se comprometeron a asinar o convenio de colaboración para o actual ano, no que Sanidade achegará 376.000 euros ata xaneiro de 2014 e Pontevedra o resto do presuposto ata os 600.000 anuais que custa manter o centro.
Para Fouces é necesario aceptar o convenio deste ano para non deixar limitado ao centro, pero en 2014 "haberá que velo " pois entende que non é competencia municipal manter "unha instalación sanitaria que debería asumir por completo o Sergas".
A concelleira tamén formulou na reunión a necesidade de trasladar a UAD a unha das instalacións do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), entre outras cousas porque o actual centro, segundo o seu criterio, necesita unha remodelación.
Relacionadas:
-
Pontevedra insiste en transferir a Unidade de Drogodependencias á Xunta
Por Redacción |
-
Sanidade recibirá o luns ao Concello para tratar a situación da Unidade asistencial de drogas
Por Redacción |
-
Fouces denuncia que a actitude da Xunta coa Unidade de Atención ao Drogodependente "é o colmo do abuso"
Por Alejandro Espiño |