Aprobado definitivamente o estudo de detalle do proxecto do Auditorio de Marín
Por Redacción
O Pleno da Corporación aprobou esta semana de xeito definitivo o estudo de detalle do Auditorio de Marín. Este documento é un paso esencial no camiño burocrático deste proxecto e serve para determinar as condicións ás que ten que axustarse a futura edificación, determinando as características técnicas de volume, aliñacións...
A alcaldesa de Marín, María Ramallo explicou que "este trámite supón un paso máis de cara a conseguir a licitación das obras, de tal xeito que o noso Auditorio xa é unha realidade, a falta simplemente de que rematemos os últimos chanzos da tramitación que nos faltan".
O proxecto do futuro Auditorio de Marín xa conta con todos os informes técnicos precisos para a obra. Por unha banda, o informe favorable do Ministerio de Fomento, dado que a zona está afectada pola estrada PO-11, de titularidade estatal. Por outra, o informe do Ministerio de Defensa, por ser un espazo incluido na zona de seguridade da Escola Naval Militar, e, finalmente, o informe favorable da arquitecta municipal.
A construción do Auditorio é unha das obras máis importantes do Marín Dusi, a estratexia de desenvolvemento urbano sostible para a que a vila de Marín conseguiu a cofinanciación dun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. A humanización da Avenida de Ourense e a remodelación do Paseo Alcalde Blanco son os outros dous grandes proxectos desta estratexia.
Neste estudo, recóllense algunhas características técnicas importantes, como a necesidade de manter a continuidade visual coa Alameda de Marín, a unificación dos elementos de sinalización, rótulos, mobiliario... e a adaptación do cerramento portuario para mellorar a súa integración paisaxística.
Relacionadas:
-
Aprobada por unanimidade a construción do novo auditorio de Marín
Por Redacción |
-
Marín asumirá con fondos propios a quinta parte do custo total do futuro auditorio
Por Redacción |
-
Ethel Vázquez sinala a reforma da Avenida de Ourense de Marín como exemplo de bo uso dos fondos europeos
Por Oskar Viéitez |
-
Asinado o convenio polo que Marín e a Xunta cofinancian os 4 millóns de euros do novo auditorio
Por Redacción |
-
A Xunta cofinanciará con 2 millóns de euros á construción do novo Auditorio de Marín
Por Redacción |