Carmela Silva: "o PP provincial está preparando o atraco que pretende facernos Feijóo ao mundo local"
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Carmela Silva, presidenta da Deputación, anunciaba este venres a aprobación polo goberno da institución provincial dun investimento de 7 millóns de euros; catro deles irán destinados ao Plan Concellos con obras de pavimentación, saneamento e ampliación de edificios en Concellos como A Lama, Poio, Sanxenxo, Vilaboa ou Vilanova de Arousa, entre outros. Os outros tres millóns serán para proxectos de infraestruturas, entre os que se atopa a creación da senda peonil e mellora da seguridade viaria en Noalla (Sanxenxo), cun investimento de 910.000 euros e un prazo de execución de 5 meses.
Durante a súa intervención, Silva lamentou o anuncio por parte do grupo provincial do PP de presentar unha moción para instar á Deputación a desenvolver un plan extraordinario de saneamento e de abastecemento nos municipios. "Nunca vin unha oposición tan innecesaria como esta", afirmou a presidenta provincial para, a continuación, argumentar que durante o últimos seis anos, a institución que lidera dedicou máis de 23 millóns de euros a saneamento e abastecemento con 284 obras realizadas en distintos municipios.
E lembrou que, dentro do Plan Concellos, este mesmo venres aprobaba un investimento de máis de 733.000 euros para estes servizos, entre os que se atopa unha asistencia técnica de expropiación para mellora do sistema de saneamento en Vilanova de Arousa. Tamén sinalou que entre os tres millóns de euros destinados a obras de infraestruturas contémplase a intervención nas Rúas 2 e 3 de Santa Eulalia na contorna da Pousada de Ribadumia, onde se contemplan actuacións nas redes de saneamento.
"A que vén esta moción? está claro, o PP provincial está preparando o atraco que pretende facernos Feijóo ao mundo local", asegurou Carmela Silva aludindo ao anteproxecto aprobado para poñer en marcha a Lei do ciclo integral da auga da Xunta de Galicia, na que a administración autonómica investirá un terzo do orzamento e Concellos e deputacións dous terzos. Unha medida que a presidenta xa alertou que se denunciará nos xulgados porque se trata de competencias da Xunta.
"Poden presentar mocións ridículas e intolerables que nós imos seguir defendendo o mundo local", sostivo a máxima dirixente provincial. E relacionou este feito coas rebaixas da AP-9 aplicadas esta semana, a condonación da débeda das anticipacións que o goberno estatal realizou ao mundo local, a subida aprobada tamén por Pedro Sánchez do 13% dos recursos para os orzamentos de 2022 ou a devolución do IVE "que nos birlou Montoro e Rajoy", afirmou Silva.
#Ante esta situación, a presidenta retou a Alberto Núñez Feijóo a que o vindeiro xoves no Consello de la Xunta aprobe as mesmas rebaixas nas vías autonómicas que aprobou o Goberno estatal. "Non veña coa ridiculez de aprobar rebaixas para familias numerosas, non. Que sexan para toda a veciñanza de Galicia e da provincia", sinalou desafiando ao goberno galego.
Pediu tamén ao presidente autonómico que aumente para o 2022 o 13% dos recursos destinados aos municipios de Galicia e que firme convenios con todos os concellos e "non só cos do PP" para o que fixo referencia á senda aprobada polo goberno autonómico en Vilanova de Arousa ou o proxecto do auditorio de Marín. Por último, Carmela Silva demandou a Núñez Feijóo que " goberne para as galegas e os galegos".
A MOCIÓN DO PP FOI REXEITADA NO PLENO
Finalmente, durante o pleno, a petición do Partido Popular para que desde a administración provincial se desenvolvan plans específicos para auga potable naquelas comunidades de Concellos de menos de 20.000 habitantes foi rexeitada por 15 votos en contra dos dous partidos do goberno (PSOE e BNG) e os 10 votos favorables do PP.
Jorge Cubela, voceiro do grupo popular, lamentou que desde o goberno provincial se "ridiculicen as mocións do PP" e sinalou que existen a menos de 20 quilómetros de Pontevedra, parroquias con problemas de administración de auga potable. A súa proposta foi criticada polo portavoz socialista Carlos López Font e polo nacionalista César Mosquera considerándoa demagoga e caciquil.
Relacionadas:
-
Carmela Silva asegura que a Xunta aumentará o recibo da auga ata o 180% nos fogares e o 130% nas empresas
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva pide "financiación estable" para os concellos e que o Camiño siga crecendo
Por Redacción |
-
Jorge Cubela acusa o goberno da Deputación de estar “escondido” no tema Ence
Por Redacción |
-
Carmela Silva: "Estamos fartas de anuncios da Xunta de Galicia nos que a Xunta invita e o mundo local paga"
Por Anxo Lourido |