Este mes de agosto quedarán rematadas as obras na estrada PO-551 en Bueu
Por Redacción
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou este mércores que neste mes quedarán rematadas as obras de eliminación do treito de concentración de accidentes na estrada PO-551 en Bueu, logo dun investimento da Xunta de 1,1 millón de euros.
Vázquez Mourelle supervisou hoxe o resultado das obras. Os traballos xa roldan o 90% da execución total, pois xa se estendeu a capa de aglomerado e se actuou nos pasos de peóns. Só resta por instalar os semáforos e o equipamento intelixente nos pasos peonís, a iluminación nas glorietas e a sinalización.
A intervención consistiu na execución dunha senda de 200 metros, pola marxe dereita da vía, que lle dá continuidade á construída entre Vilaseca e Lapamán, en Marín.
Tamén se habilitaron dúas novas glorietas, que están funcionando desde mediados de xuño, unha delas, a de Lapamán, facilitando o acceso á praia. Ademais, mellorouse a conexión peonil coa vía de baixada á praia e dispuxéronse 15 prazas de aparcadoiro.
A segunda rotonda, a de Castrelo, sitúase no acceso ás praias de Porto Maior e Agrelo, para facilitar os xiros en condicións máis seguras.
A intervención incluíu o acondicionamento dunha intersección en Marín, atendendo á solicitude que fixo o Concello durante a participación pública, dispoñendo cuñas de cambio de velocidade para mellorar a visibilidade e a seguridade viaria na zona.
O proxecto tamén recolleu o reforzo da seguridade viaria das paradas de autobús e as de 4 pasos de peóns, incorporando, para iso, sinalización luminosa específica, que se activa ao paso das persoas. Tamén se realizaron actuacións complementarias como o aumento do ancho das beiravías, a redución da velocidade a 50 km/h, a colocación de captafaros ou de marcas viarias rugosas nos bordos da estrada.
Por outra parte, Ethel Vázquez destacou que as obras da senda peonil entre Trasouto e o Alto da Portela, cun investimento autonómico de 643.000 euros, continúan avanzando nesta mesma estrada, na PO-551.
A responsable de Infraestruturas engadiu novas intervencións para esta área, como o proxecto que se está a redactar para dar continuidade ás beirarrúas na estrada PO-315, entre Beluso e A Achadiza. A intervención require de expropiacións, polo que se agarda sometelo a información pública este outono.
Tamén se referiu á nova glorieta na estrada PO-551, para mellorar a entrada ao polígono, intervención que debe ser coordinada coa senda de Trasouto. A previsión é someter o proxecto a información pública en vindeiras semanas.
Ethel Vázquez remarcou a "aposta da Xunta pola mellora da mobilidade en concellos como Bueu, fronte á acción do Goberno de España, cuxos criterios exclúen dos fondos Next Generation aos municipios de menos de 50.000 habitantes". Neste sentido, a conselleira convidou ao Concello de Bueu a asinar a ‘Declaración Institucional por un rural forte e conectado’, impulsada pola Xunta e por 75 concellos o pasado sábado, coa fin de lograr un cambio nos criterios de reparto dos fondos de reconstrución.
Relacionadas:
-
Investirán 265.000 euros en instalar beirarrúas no treito da PO-315 por Beluso
Por Redacción |
-
Marchan os turistas e comezan as obras nas beirarrúas da PO-551
Por Redacción |
-
Bueu estreará esta semana dúas novas rotondas en Lapamán e Agrelo
Por Redacción |
-
En abril rematarán as obras na PO-551 ao seu paso por Bueu
Por Oskar Viéitez |