As obras na escola infantil de Campo Lameiro remataranse antes do inicio do curso
Por Redacción
Durante este mes de agosto desenvolveranse os traballos para a mellora dos espazos exteriores e as condicións de illamento térmico da escola infantil de Campo Lameiro, pertencente á rede pública autonómica.
As actuacións previstas estarán rematadas para o inicio do curso escolar o día 6 de setembro, para o que a escola ten ata o momento unha decena de nenas e nenos admitidos.
A Xunta de Galicia informa de que a obra se axusta ás necesidades postas en común coa comunidade educativa e conta coa supervisión dos servizos técnicos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e municipais.
En concreto, procederase á renovación da carpintería de aluminio; dos xogos infantís e pavimentos; e do valado de madeira. Así mesmo, acometeranse diversos arranxos na instalación eléctrica de calefacción.
A execución das obras correrá a cargo do Concello de Campo Lameiro e serán financiadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar mediante a compensación das liquidacións que corresponde abonar á Administración local por este servizo público.
O xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, e o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, visitaban este mércores o centro escolar para concretar estes traballos.