Nove denuncias polo consumo indebido de alcohol esta fin de semana en Vilagarcía
Por Redacción & Cristina Saiz
A Policía Local de Vilagarcía de Arousa formalizaba durante esta fin de semana nove denuncias polo consumo indebido de alcohol.
Segundo indican desde o Concello de Vilagarcía, seis casos foron detectados nun control de tráfico realizado por axentes da Policía Local. Trátase de alcoholemias que derivarán en sancións administrativas e sen consecuencias penais. En todos os casos, o consumo atopábase por baixo de 0,60 gramos por litro de aire expirado.
Os outros tres casos producíanse ao detectar a tres persoas non conviventes que se atopaban consumindo bebidas alcohólicas na rúa e en horarios non autorizados polas normas que regulan as restricións na crise sanitaria.
Desde o Concello de Vilagarcía realízase un chamamento á responsabilidade individual e colectiva para rebaixar a incidencia da enfermidade covid-19 co obxectivo de recuperar canto antes a normalidade social e económica. Ademais, alertan da necesidade de utilizar a prudencia e o sentido común á hora de circular cun turismo despois de haber bebido alcohol.