Proxectan cambios no dique flotante de Aguete para mellorar o abrigo dos barcos
Por Redacción
As máis de duascentas embarcacións que, durante a época estival, están amarradas no porto de Aguete terán moi pronto un abrigo moito mellor do que teñen na actualidade. Portos de Galicia destinará 270.000 euros a mellorar o dique flotante.
As actuacións proxectadas consisten na reposición de dous dos seis módulos maiores cos que conta esta instalación, composta por un total de oito módulos.
Estas melloras realizaranse na zona central de abrigo e os módulos serán de formigón tipo caixa de cinco metros de ancho e vinte metros de lonxitude cada un e 1,80 metros de puntal. Fondearanse mediante mortos de formigón de dez toneladas e cadeas de aceiro.
Na presentación desta actuación, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou que este proxecto xa foi licitado e a súa contratación vaise a formalizar en próximas semanas.
A responsable autonómica engadiu ademais que os módulos contarán coas instalacións necesarias para unha posible unión entre eles no futuro.
Neste sentido, estarán dotados de conducións para o paso de instalacións de servizo e unha arqueta rexistrable para a conexión de posibles torretas de subministración. Ademais incluirán caixas para a montaxe dunha unión entre eles e asas de ancoraxe para o fondeo.
Outras melloras que se están a estudar no peirao de Aguete e que mencionou a conselleira son a reparación do fondeo do pantalán para asegurar a súa estabilidade e a demolición do edificio do antigo surtidor que está en desuso co obxectivo de gañar espazo para os usuarios do porto.