Gómez Reino nega ter calumniado a Louzán e acúsao de "amedrentar" a un cargo público
Por Redacción
Nin un paso atrás deu Antón Gómez Reino. O secretario xeral de Podemos Galicia negou este luns ter calumniado a Rafael Louzán "en ningún caso" tras vinculalo con casos de corrupción no PP e acusou a este de tentar "amedrentar" a un cargo público.
Ás portas dos xulgados da Coruña, onde se celebrou o acto de conciliación pola denuncia interposta polos avogados de Louzán por inxurias e calumnias, Gómez Reino explicou que non houbo acordo entre as partes.
O ex presidente da Deputación de Pontevedra esixía ao dirixente de Podemos que admitise que as súas declaracións "son falsas e carentes de todo rigor", que se desculpe por carta e en horario de máxima audiencia na TVG e que lle indemnice con 15.000 euros.
"Ninguén vai facer que deixemos de dicir o que, doutra banda, é público e notorio neste país, que o PP ten numerosos casos de corrupción e que o señor Rafael Louzán participou no que ten que ver con estes casos en primeiro lugar como investigado e agora como condenado, máis aló de que sexa en primeira instancia", sinalou o líder de Podemos Galicia.
O deputado no Congreso engadiu que o que expresou nun debate electoral celebrado na TVG é "o que todos os medios de comunicación estaban a expoñer, que ese señor estaba investigado por cuestións relativas á corrupción".
No programa, o entón candidato de Galicia en Común mencionou ao ex líder do PP de Pontevedra nunha lista de casos de casos de corrupción que salpicaron aos populares como o caso Gürtel, a trama Pokémon, o caso Carioca ou a operación Patos.
Rafael Louzán, que non acudiu persoalmente ao acto de conciliación, prevé continuar adiante coa querela criminal contra o secretario xeral de Podemos Galicia, despois de que non houbese acordo entre ambas as partes.