Un pontevedrés, entre os 18 detidos dunha importante rede de narcotraficantes de toda España
Por Redacción
Unha operación da Garda Civil dirixida polo Xulgado de Instrución número 1 de Porriño e o fiscal Antidroga de Pontevedra permitiu a detención de 18 persoas en toda España como presuntos integrantes dunha importante organización de narcotraficantes que pretendían introducir en España a través dos portos de Barcelona e Valencia un total de 956 quilos de cocaína procedentes de Sudamérica. Seis dos arrestados son da provincia e un veciño da capital.
As investigacións que deron lugar á bautizada como operación Vitriolo iniciáronse en marzo de 2012, cando os axentes tiveron coñecemento da existencia dun grupo asentado en Barcelona, que surtía de cocaína de gran calidade a narcotraficantes galegos. Esta semana deuse por pechada cos últimos arrestos.
Levárona a cabo o Equipo contra o Crime Organizado (ECO) da UCO da Garda Civil, con sede en Pontevedra, apoiados durante as fases de explotación por outras unidades doutras provincias. O balance final de detidos (17 españois e un de orixe portuguesa) inclúe un na cidade, un en Cangas, un en Vigo, un na Cañiza e dous en Ponteareas.
Tras as primeiras vixilancias e seguimentos efectuados sobre o grupo, tívose coñecemento da realización dunha transacción de cocaína con destino a Pontevedra. En xaneiro deste ano os investigadores detiveron na Cañiza (Pontevedra) unha persoa que transportaba ocultos no interior dun turismo de alta gama 10 quilos de cocaína.
Tras esta primeira incautación, as investigacións centráronse nos líderes da organización, residentes en Barcelona, descubríndose que recorrían aos portos de Barcelona, Valencia e Vigo para introducir a substancia estupefaciente a través de colectores.
A Garda Civil do Porto de Valencia interveu no mes de abril a esta mesma organización un colector procedente de Sudamérica con 225 quilogramos de cocaína. Ademais, intervironse 403 quilos de cocaína que chegaran ao porto de Barcelona nun colector procedente de Nicaragua, así como outro colector con 318 quilos enviados dende a República Dominicana.
Finamente detivose en Barcelona a responsables e colaboradores e en Pontevedra á rama galega da organización. Con estas actuacións, a Garda Civil dá por desmantelada unha das máis activas organizacións de tráfico de cocaína entre Sudamérica e España, que contaba con importante infraestrutura en portos de Cataluña e Comunidade Valenciana.
Na operación Vitriolo púidose determinar a función de cada un dos seus compoñentes: provedores da cocaína asentados en Sudamérica, responsables da organización en España, camioneiros encargados de sacar a droga dos portos, estibadores colaboradores do grupo ou distribuidores dos estupefacientes.
Nos rexistros realizados (un na cidade do Lérez) interviñéronse 956 quilos de cocaína, unha prensa para empaquetado do estupefaciente, 20 vehículos de alta gama e 1 camión, 200.000 euros en efectivo, 50 teléfonos móbiles e gran cantidade de documentación relacionada cos feitos investigados.